As previsións do FMI

O confinamento e o distanciamento físico son aspectos nucleares que forman parte das medidas para evitar a propagación da pandemia do «Covid-19». Sobre como afrontar esta crise sanitaria, tivemos a fortuna de contar aquí coa opinión de profesionais de recoñecido prestixio (como a do meu veciño, o epidemiólogo, Juan Gestal).

Por iso, hoxe quixera referirme brevemente a outra cuestión: á situación económica das «familias», das «empresas» e do «sector público». Porque observamos como os recursos se deterioran progresivamente e de forma inexorable nestas tres compoñentes básicas do PIB. Estamos nun escenario moi preocupante –mellor diría catastrófico–.

As consecuencias desta recesión son aterradoras. Non esaxero. O Fondo Monetario Internacional (FMI) publicou fai uns días (14 de abril de 2020) que España sufrirá a finais de ano un descenso do 8% do PIB e calcula que o desemprego pasará do 14,1% actual ao 20,8%. Unha barbaridade! Ademais, o déficit dispararase ata o 9,5% do PIB (o maior desde o rescate bancario de 2012) e a débeda pública (que antes do coronavirus era do 95,8%) chegará ao 113,4% do PIB.

Estas son as previsións. As cifras. As porcentaxes. Pero detrás do PIB non só está o consumo das familias, o investimento das empresas e o gasto público. Detrás da palabra «familias» hai persoas. Xente que nos ven á cabeza porque sabemos da súa precariedade socioeconómica. E detrás do termo «empresas» visualizamos a ese bar que continúa pechado e que xa dá por perdido o verán. E coñecemos tamén as dificultades dos nosos «concellos» para acometer os inxentes gastos que repercutirán negativamente nos saldos das contas públicas.

Este é o panorama. E preocúpame. Porque, como o medo, a preocupación tamén é libre e depende do estado de ánimo de cada un de nós. Porque despois de observar a previsión dos datos macroeconómicos do organismo con sede en Washington, imaxino que esta mesma angustiosa sensación será compartida polos que pensamos naqueles veciños (traballadores e empresarios) que se verán desbordados por un vendaval de magnitude devastadora.

Oxalá a tempestade non teña tanta virulencia como se prognostica ou que, cando menos, nos colla preparados para minimizar as consecuencias do seu envite.


 

  • Domingo Guerra (domingoguerra@quepasanacosta.com). Economista. Especialista en economía pública e política económica pola USC.

OUTROS ARTIGOS SOBRE ECONOMÍA MUNICIPAL DE DOMINGO GUERRA