Martes. 19.03.2024
El tiempo
Domingo Guerra
10:56
18/02/19

Autonomía fiscal

Autonomia Fiscal dos Concellos da Costa da Morte copia
Autonomía fiscal

A autonomía fiscal dos nosos concellos é precaria, estruturalmente reducida e, para algúns, certamente molesta. Precaria, porque carecemos de tributos suficientes. Estruturalmente reducida, porque se perpetúa, así, inexorablemente no tempo. E molesta, porque enfada a políticos e contribuíntes irresponsables.

Dispoñemos dun indicador que nos permite calcular a «autonomía fiscal», que se define como a porcentaxe que representa a suma de impostos, taxas e contribucións especiais respecto do conxunto de ingresos. É dicir, expresa a proporción dos tributos que os veciños pagan ao concello respecto da cifra do orzamento. En consecuencia, canto máis grande sexa a cifra máis autonomía fiscal existirá.

Os datos que permiten corroborar a primeira afirmación preséntanse no gráfico de arriba.

Observamos que, si ben, para o conxunto de Galicia a magnitude se sitúa preto dos 50 puntos porcentuais, en España acada o 53,7%. Por conseguinte, os nosos concellos deberían manterse en valores similares. Pero a nosa realidade é outra: carecemos de autonomía fiscal. Estamos no 41,75% de promedio e 39,86% de mediana.

Esta situación non é nova. Persiste no tempo. Ten carácter estrutural. De feito, no exercicio 2012, o promedio (36,34%) e a mediana (40,03%), situábanse en termos análogos aos que temos cinco anos despois, o que corrobora a segunda afirmación.

Pero, que está detrás deste indicador? A resposta é sinxela: o custe político e social da fiscalidade. Porque subir impostos non é popular. Incomoda. Molesta. Enfada aos gobernantes e contribuíntes incapaces de recoñecer a necesidade de financiar servicios municipais con tributos propios.

Neste ano electoral debemos reflexionar sobre a disciplina fiscal. Porque se trata da base do noso sistema orzamentario. E debemos facelo todos. Os responsables municipais, porque dispoñen da capacidade normativa para establecer, recadar e inspeccionar os seus propios tributos. E nós, os cidadáns, porque, a pesar dalgúns distraídos, a maioría somos conscientes de que debemos contribuír de acordo coa nosa capacidade económica.

 

OUTROS ARTIGOS SOBRE ECONOMÍA MUNICIPAL DE DOMINGO GUERRA

Comentarios