Sábado. 06.06.2020
El tiempo
Domingo Guerra
17:21
19/01/20

2020, unha nova década

2020, unha nova década

Comezan os anos vinte. Os retos municipais para esta década serán diversos e complexos. Pero, tamén, fascinantes. 

A perda de habitantes, os problemas derivados do cambio climático, o envellecemento poboacional, a dependencia, os desafíos tecnolóxicos, así como outras competencias que exceden o ámbito local, como o desemprego, son cuestións que, xunto ás tarefas propias, estarán nas axendas dos nosos alcaldes e alcaldesas.

Pero os instrumentos de actuación son limitados. A reforma local de 2013, criticada daquela neste espazo, foi unha oportunidade perdida para dotar de máis recursos aos concellos. E, agora, a insuficiencia financeira é un lastre que limita a autonomía local para facer política. Como tamén o é o cumprimento da estabilidade orzamentaria, que dificulta os necesarios investimentos, restrinxe o endebedamento e a libre utilización, no seu caso, do superávit do remanente de tesourería.

Pero é que ademais, a capacidade de resposta dos nosos dezanove concellos está mediatizada, tamén, pola súa dimensión. Unha dimensión heteroxénea en termos de superficie, poboación, infraestruturas e orzamento. Por iso é fundamental maximizar a intelixencia na xestión.

E que mellor maneira de facelo que aprobar os orzamentos sen demora, canto antes, para que se dispoña da ferramenta básica onde concretar as principais liñas de actuación.

Xa teremos tempo, ao remate de 2020, coas primeiras contas rendidas polos gobernantes saídos das pasadas eleccións locais, de avaliar o grao de éxito das políticas executadas. Obviamente, sen prexuízo de que a «fiscalización veciñal» se exerza durante o día a día, con rigor e sensatez, porque a proximidade do mundo local permite examinar o traballo diario dos cargos electos que teñen responsabilidades no goberno municipal. E porque así é como se constrúe a democracia.

OUTROS ARTIGOS SOBRE ECONOMÍA MUNICIPAL DE DOMINGO GUERRA

comentarios