Martes. 19.03.2024
El tiempo
Domingo Guerra
10:02
15/07/19

Comezar de cero

Orzamentos participativos
Orzamentos participativos
Comezar de cero

Rematou o prazo para a celebración do pleno de organización municipal onde se establece a periodicidade das sesións, dedicacións exclusivas e parciais, persoal eventual, asignacións económicas, etcétera. 

A partir deste momento todos os cargos electos deben asumir as respectivas responsabilidades. Toca traballar. Os do grupo de goberno a través das delegacións da alcaldía e integrando a xunta de goberno; e a oposición exercendo a función de control.

Sería beneficioso que tanto os novos alcaldes como os que continúan comezasen a traballar partindo de cero. Porque apelar á «herdanza recibida» non serve de nada e supón un desprezo ao sentido común. Levamos xa corenta anos de cultura democrática e non aceptamos que os novos dirixentes culpen a outros dos problemas atopados. E, no caso dos que repiten, saben que emprenden un novo mandato apaixonante e diferente polos cambios e transformacións que esixen os novos tempos; porén, deberían tamén comezar de cero, con ilusións renovadas.

E cal é o noso papel? O dos veciños. Pois tal vez sexa bo momento, tamén, para principiar de cero. Cimentando as bases do municipio que queremos. Participando máis activamente e involucrándonos nas cuestións que afectan a nosa localidade. Porque, convén lembrar que somos nós os que facemos «concello». Que somos nós os que eliximos aos gobernantes. Que somos nós os que pagamos as retribucións e indemnizacións de todos eles. Que somos nós os que debemos queixarnos cando se resintan cuestións tan importantes como a transparencia e o respecto. E que somos nós os responsables de esixir a excelencia na prestación dos servizos públicos municipais.

Por iso, tamén nos toca poñer o marcador a cero. E que mellor maneira de arrancar que aportando ideas para o vindeiro orzamento. Porque os orzamentos participativos permiten unha pluralidade de enfoques que enriquecen, como tamén o fai a confrontación de ideas e a complicidade para atopar acordos que redunden na mellora da calidade de vida dos veciños. Porque o presuposto, en definitiva, condiciona en que se van a gastar os recursos que aportamos como contribuíntes. E algo debemos dicir ao respecto. 

Pois fagámolo!

 

OUTROS ARTIGOS SOBRE ECONOMÍA MUNICIPAL DE DOMINGO GUERRA