Mércores. 01.04.2020
El tiempo
Domingo Guerra
13:43
10/03/20

Fraxilidade económica

Fraxilidade económica

Cando me propoño escribir este breve artigo de opinión, o «coronavirus» está no seu apoxeo. Pasamos dun escenario de «contención» a outro de «contención reforzada», con medidas drásticas que afectan ao coidado domiciliario de maiores, peche de centros educativos, etc. Pero previsiblemente a cousa non quedará aí.

No que atinxe aos nosos concellos, as consecuencias económicas a curto prazo son difíciles de predicir e mitigar. Pero xa se observa unha forte contracción da demanda turística que, inexorablemente, afectará á eventos tan significativos coma a Semana Santa.

Certamente, os nosos concellos carecen de instrumentos financeiros que permitan loitar contra este tipo de situacións. Pero, nun escenario de crise, as políticas municipais poden atenuar un pouco os impactos previstos, por iso, é importante que o Goberno Central se comprometerá publicamente –como fixo– a aprobar con urxencia un Decreto Lei, que permitirá a utilización dos preto de 5.000 millóns de euros de superávit, acadados en 2019 polo conxunto de concellos, flexibilizando o seu destino.

Porque, os intereses xerais e a xustiza social deféndense mellor con gobernos locais solventes, con Estados solidarios e, obviamente, con organismos internacionais comprometidos.

Neste sentido, podemos destacar dúas cuestións. Unha, recoñecer a enorme fraxilidade económica que impregna ás sociedades desenvolvidas. Potencias do noso entorno xeográfico máis próximo, como Alemaña, Francia e Italia, non reaccionaron adecuadamente, provocando convulsión nos mercados financeiros, xerando incertezas e desaceleración.

A segunda idea fai referencia á necesidade de esquecernos das «virtudes» do déficit cero, que tanto dano provocou nos servizos sociais e na prestación de investimentos básicos municipais. Porque, tal vez, chegou o momento de implementar medidas de política fiscal expansiva, que estimulen a demanda interna (consumo, inversión e o gasto público), porque a sombra da recesión xa asoma pola nosa costa, e algo teremos que facer.


 

OUTROS ARTIGOS SOBRE ECONOMÍA MUNICIPAL DE DOMINGO GUERRA

comentarios