Venres. 19.04.2024
El tiempo
Domingo Guerra
12:58
11/02/15

O soldo do alcalde

O soldo do alcalde

O cargo de alcalde debe ser remunerado. Ben remunerado. Porque, esixe estar dispoñible as vinte catro horas do día para resolver os múltiples problemas que afectan ao municipio. Precisamente por iso, en principio e como norma xeral, os dirixentes municipais non deberían ostentar outro cargo nin desempeñar outra ocupación. Dedicación plena. Exclusividade. Punto.

Sen embargo, que o resto de edís teñan dedicacións exclusivas parece máis cuestionable. Sobre todo en concellos como os nosos onde, excepto Carballo, ningún supera os 10.000 habitantes. Porén, observamos como o cargo de concelleiro se está convertendo, en demasiados casos, nunha profesión máis que nun servizo público vocacional. É un bo choio. Vaia, unha bicoca en momentos de crise como os actuais. Porque, tanto as súas retribucións como as do alcalde, así como o réxime de dedicacións, acordáronse arbitrariamente por eles mesmos ao comezo do mandato.

Establecer criterios para determinar os soldos dos cargos electos foi sempre unha tarefa de complexa resolución. Afecta á carteira. Á súa, claro. Pero, ollo, tamén á nosa. Poucos discuten que a responsabilidade do cargo debería terse en conta; así como os resultados da boa xestión anual, expresada en termos de aforro neto, superávit orzamentario, remanente de tesourería ou descenso do endebedamento. Tamén podería considerarse o volume do orzamento, o soldo dos funcionarios, o número de empregados municipais, etcétera.

Pois ben, a partir das vindeiras eleccións locais xa existe un indicador obxectivo para resolver esta cuestión. O soldo máximo dos alcaldes determínase en función dos habitantes do termo municipal. Punto.

Na Táboa, especifícase o municipio clasificado por habitantes, o tramo de poboación no que se atopa o concello e o límite máximo de retribucións que poderá percibir o alcalde.

Limites salariais dos alcaldes da Costa da Morte

Sobra dicir que esta decisión non agrada aos alcaldes que verán reducido o seu soldo. Pero, xa non hai marcha atrás. A medida aplicarase cando se constitúan as novas corporacións locais.

Nos vindeiros meses poderemos preguntarlle aos candidatos canto están dispostos a cobrar. Cuestión interesante, sen dúbida, para o debate electoral.

  • Domingo Guerra ([email protected]). Economista. Especialista en economía pública e política económica pola USC.

Outros artigos sobre Economía Municipal de Domingo Guerra

Fonte

Comentarios