sábado. 07.12.2024
El tiempo
Eva Patiño
08:38
07/11/24

Maternidade, familia e feminismo

Maternidade, familia e feminismo

Cando en Carballo existía o “Círculo Feminista” eu era a única nai que participaba activamente nel. Lembro querer conversar en varias ocasións sobre as dificultades que enfrontamos as mulleres na maternidade e lembro especialmente como unha moza quixo darme unha clase maxistral de non renuncia pola crianza. Nunca profundicei, non me gustaron os seus argumentos por moitos motivos e, aínda que non dixen nada, tamén lembro que esta moza tiña un can e se despois de xuntarnos queríamos ir tomar algo debía ser nalgún local onde admitisen o can. Pensei moitas veces en como aquela moza estaba segura de que non debes adaptar a túa vida ás túas crianzas mentras ela adaptaba a súa á do can.

Con todo, aquel movemento xa non existe e, tal como eu pensaba daquelas, as ideas que movían a maioría non eran moi feministas e si bastante de adaptación ao sistema patriarcal onde ti, coma muller, debes tentar situarte e non esixir mudanzas.

Non hai maternidade sen paternidade, salvo contadas excepcións. Coma feminista teño moi claro que a sociedade debe mudar cara modelos de familia onde os homes estean implicados nos coidados porque as nosas renuncias a criar son realmente as renuncias da infancia aos coidados da familia. A conciliación non pode pasar por institucionalizar as crianzas case desde o seu
nacemento para que nós, as mulleres, non renunciemos. O modelo debe ser de renuncia dos dous sexos e debe ser en favor da infancia.

Sempre renunciamos as mulleres, sexa aos nosos traballos, ao xornal a tempo completo, ou á crianza. Algunhas, directamente, renuncian á maternidade nunha elección libre, libre dentro do contexto social, claro. A veces escoito explicacións sinxelas coma se renunciar á maternidade fose unha decisión moi fácil, non o é. Eu non fixen esa renunica, fixen as outras, pero podo entender que a de quen renunica a ser nai é unha elección máis difícil cá miña.

Hai uns anos, despois do divorcio, tiven unha relación afectiva cun home, aínda que el tamén é pai, un dos motivos principais para non querer seguir nese relacionamento foi que eu sexa nai. Non se me ocorre mellor mostra de como a sociedade patriarcal entende que a maternidade é algo negativo, non así a paternidade, cando os propios pais entenden que as nais estamos noutra
situación o suficentemente negativa coma para ver niso un problema que os alcanza dalgún xeito, queda claro que o patriarcado existe e está moi vivo.

Existen a día de hoxe movementos que reivindican a abolición da familia. Este ano no Festigal unha asociación vendía chapas que dicían “a familia nuclear é radiactiva”. Como podemos logo queixarnos da mocidade cando lles vendemos que son unha molestia na infancia e que a súa familia é un problema para eles? Esa familia que a propia declaración universal dos dereitos humanos define coma o “elemento natural e fundamenal da sociedade” pero a mensaxe é que deben fuxir dela, a que se supón que deben agarrarse neste mundo?

O feminismo reivindica os coidados e a mudanza cara modelos onde estes implican aos homes. Os coidados son revolucionarios, son contracapitalistas e son o que mellor nos define coma seres humanos. Non hai nada revolucionario en que as mulleres nos adaptemos a un sistema que nos oprime, nos xulga e onde a opción para nós é a renuncia. Por iso se di que “a revolución será
feminista ou non será”, a revolución que debe vencer esta crise dos afectos non pode pasar por que as mulleres abandonemos os coidados, ten que pasar por reivindicar que eses coidados nos implican a todas e a todos.

Eu reivindico que mentras non mudamos a sociedade, aquelas que eleximos a maternidade e a familia, debemos levantar a voz para pór en valor iso, para enviarlles ás nosas crianzas a mensaxe de que estamos orgullosas das nosas renunicias e de elexir o amor e os coidados que lles ofrecemos e que nada diso ao que renunciamos está porriba do valor dun ser humano, que nada sería mellor ca compartir as nosas vidas con elas por máis que a sociedade non sexa ese lugar ideal. E mentras coido sinalo a necesidade da implicación dos homes. Iso é para min un feminismo real e realista.

Cando penso con calma non deixo de ver que a renuncia está entre o humano e o sistema. Criar ou producir. A sociedade do benestar dime que podo deixar o bebé nun lugar a salvo mentras vou producir para un sistema capitalista que me precisa. A sociedade do benestar di que se son o suficientemente produtiva durante a etapa laboral non me faltará no futuro unha cama, alguén que me asée e un prato de comida. O que a sociedade do benestar non me pode ofrecer é unha man que sosteña a miña con amor nos malos momentos e nin un motivo para vivir se, polo que sexa, deixo de poder producir. Na sociedade do benestar somos productores ou unha carga, así as nosas crianzas son unha carga, as persoas vellas son unha carga, e tamén as enfermas. A sociedade do benestar é, realmente, a sociedade do malestar das persoas en favor do capital e dos grandes “lobbys”.

Eu reivindico os afectos coma esa revolución social que nace do máis humano, e como dicía aquela muller que se fixera viral nun video na internet: “quen queira vir loitar que veña, e quen non, que non nos estorbe”.

Máis artigos de Eva Patiño en QPC

Comentarios