Mércores. 14.04.2021
El tiempo
Javi Turnes
10:44
19/01/10

A búsqueda do poder

A búsqueda do poder
  • Javier Turnes:

Profesor[?] de Filosofía, Músico[?] Escritor[?] … acaso unha constante deriva a través do ocurrir. Devindo, buscando o feliz fracaso do encontro cunha identidade calsea. Un transitar entre a exterioridade dos acontecementos e a interioridade do destino. Un movemento que parece aludir á conquista heroica da potencia dos afectos e a esa experiencia perdida que escoita a tranquila presencia das cousas. A Costa da Morte é agora o territorio desa exposición ó querer vivir, así como o da búsqueda dunha comunidade que falta.

  • Escarpadura: f. Declive áspero de calquer terreo.

A escarpadura é unha ordinariez.

Unha escarpadura é un accidente do territorio, algo que por presente e áspero estorba, é difícil de transitar, de pasar, de atravesar, de hender. A escarpadura é un lugar, un lugar áspero, tosco, duro, rudo, abrupto.
Un lugar que consiste nun desnivel é dicir,
nun cambio de plano pronunciado é dicir,
indicado, dito, sinalado, nomeado. Se a nosa intención é percorrer ese lugar,
a primeira sensación que nos ha de penetrar moi probablemente, sexa o medo.
Porque imos correr un risco. Pois sobre ese borde inestable expoñémonos á caída.

Mais o percorrer, o camiñar o pasar de un lugar a outro –ás veces viaxando, ás veces andando, ás veces deambulando ou vagando; cousas diferentes- é algo que o home leva facendo dende a noite dos tempos. O ‘camiño’ –método- ten tamén unha longa tradición na filosofía e no saber.
Ir e vir, buscar cousas nos lugares, facerse con elas, habéndose con elas. Por iso un tránsito sempre agocha a pretensión secreta de salvar un abismo. Un abismo que se aparece entre dous lugares.

A escarpadura tamén agocha unha pretensión secreta.
Sinalar un lugar dentro do abismo. O lugar dos seus bordes, o lugar da pendente. Nomear o borde do abismo que mediante un percorrer pretendemos salvar.
Nomear o borde que nos salva da caída. Levar as cousas a un lugar inhabitable. A un lugar no que sempre se está de paso. Un lugar onde nunca poderiamos habitar. Un lugar que sempre pretendemos deixar atrás para facernos con algo tras abandonalo.
Cartografiar un territorio inhabitable, pero transcorrido ordinariamente. Ordinariamente abandonado. Tan só acaso habitado por un legado de pegadas que cifran aquelo que se perde en canto se atopa. Pegadas que cantan o transcorrer do(s) tempo(s).
De aquí a uns centos de anos, nese mesmo lugar, outro camiñante igual de desesperado chorará a desaparición do que un puido ver e non el. Vitima dunha dobre invalidez, todo o que se percibe fire, e reprochámonos sen descanso por non ter sabido mirar o suficiente.

O único modo de forzar a sorte é arriscarse nesas fronteiras perigosas onde as normas sociais deixan de ter un sentido ó mesmo tempo que as garantías e as esixencias do grupo se desvanecen: ir ata os límites do civilizado, da resistencia fisiolóxica ou do sufrimento físico e moral. Atravesar a escarpadura. Xa sexa para caer do outro lado e non volver ou, pola contra, para captar, no inmenso océano de inexploradas forzas que da cobixo á ben regulada humanidade, unha provisión de poder.

Ata certo momento, avanzamos pola despreocupada idade da primeira xuventude. Un camiño que de neno parece infinito, polo que os anos transcorren lentos e con paso imperceptible, polo que ninguén nota a súa marcha. Camiñamos placidamente, mirando en derredor con curiosidade, non hai necesidade algunha de apresurarse, ninguén apremia por detrás e ninguén nos agarda, tamén os compañeiros avanzan sen pensar e detéñense con frecuencia a bromear.
Dende as casas, nas portas, os maiores saudan comprensivos, e fan señas para indicar o camiño.
E continuamos cunha espera confiada e as xornadas son longas, e o sol brila no alto e parece que nunca chegará o ocaso.
Mais en determinado momento, casi instintivamente, volvemos a vista atrás e vemos que o camiño se transformou en pendente e o regreso queda pechado. Entón sentimos que algo mudou definitivamente, e o sol desprázase rapidamente, precipitándose cara o horizonte.

E comprendemos que o tempo pasa.

E comprendemos que tan só temos os nosos pasos, as nosas forzas e a compañía das pedras que falan nunha lingua extranxeira.

Que facer? Paramos a contemplar ou seguimos a trepar?

Esta aporía é A Escarpadura.

  • Javier Turnes:

comentarios