Domingo. 23.02.2020
El tiempo
José Luis Louzán
18:49
11/12/09

Falando o valeiro

As verdades como puños de José Luis Louzán

Hai días que un esta farto. Tíñalles hoxe preparada unha diatriba sobre o modo no que as listas abertas, un sistema de elección de cargos públicos o que os partidos políticos non teñen ningún cariño, pero Word non tiña ganas de que llo presentase así que, en colaboración co meu vetusto PC decidiu eliminalo. Non creo que exista unha conspiración na que estean implicados partidos políticos, Bill Gates e os mais modernos sistemas de vixiancia e escrutinio das nosas computadoras... ou si. Non, para nada. Simplemente non teño costume de dar a gardar os documentos mentres os escribo é o meu PC e unha pataca coma non hai outra en Coristanco. 

Así que por hoxe libraron doutra das miñas peroratas (xa ía pola segunda páxina) e, sinceramente, non sei que mais contarlles. Non se trata tanto de non ter que contar, que senón hai se busca, senón de para que molestarme. Non creo que o que eu digo teña maior valor que o de remover as mentes e as conciencias, e seguramente nunha dirección non especialmente útil no mundo moderno (librepensamento, liberalismo, autocrítica, revolución)  pero sempre me pareceu importante non deixar de dicir segundo que cousas. E hoxe en dia o deporte nacional, por esta orde, son a Hipocrisía e o silencio cómplice. E non me gusta apuntarme a esas actividades. 

Pero ¿impórtalle isto a alguén?. Non o sei. Tal vez seria un bo exercicio que, por exemplo, ademais de na paxina-xornal dos meus sufrido editores, enlazaramos este artigo de opinión con, por exemplo, a rede Facebook. Estaría ben colleitar e saber cantos apoios, ou cantas criticas que tamén serven e axudan a fuxir da mente a autocomplacencia, se recollen nunha semana. Estaría ben saberse lido, escoitado e, porque non, seguido ou discutido.  Porque este falar o valeiro da web, de verdade, resulta moi gratificante pero tamén enormemente solitario.

 

Nunca me gustaron os parabéns sen sentido. Me gusta escoitar unha palabra de animo ou unha mensaxe de empuxe pero tamén ler ou escoitar criticas argumentadas. Un aprende moito escoitando, debatendo e valorando as verbas dos demais, sobre todo cando estes teñen mais anos, mais sabedoría  ou mais bagaxe cultural e preparación que un mesmo. A pena é que ese tipo de debate, de encontro de opinións aberto e sincero non se estila demasiado na comarca. Normalmente o debate vai polos derroteiros de berrar mais que ninguén, de ser mais violento ou ter unha maior aprobación populista (non popular), ou de manter argumentos peregrinos baseados en nada e sen consonancia algunha coa realidade. 

Temos unha especie de eiva de partida no referente a que esta demostrado ou que non o esta. Por exemplo, o redor do absurdo debate sobre a presenza de crucifixos nas escolas publicas, a ver. España é un estado laico, así declarado na súa constitución. Fin do debate. Non existe argumento que poda superar iso, sen entrar no terreo das crenzas relixiosas, que non teñen nada de científico, da propia estima persoal ou do credo que cada un teña... ou da capacidade intelectual e educación coa que se conte. Argumentos, que non o son, do tipo “é que sempre foi así”, “non haberá cousas mais importantes” ou o mellor de todos “o final acabaran mandando os mouros”  non serven como contrapunto a ningún argumento a favor da retirada deses símbolos. Así que, ¿porque seguen hai ?. Simple, porque vivimos nun pais de incultos consentidos, de Ignorantes premiados polo sistema. Podemos debater si esta ben ou mal que España sexa laica, si a Constitución e as leis poden ou non lexislar sobre materia mística ou  relixiosa ou si é lóxico que o estamento encargado de xestionar esa fe sexa unha forza política mais financiada con cartos públicos pero sen control algún da administración. Pero, o feito actual de si deben ou non estar as aulas sometidas o imperio da igrexa non admite controversia; non, non pode.  

Este é so un exemplo. Veremos do alcance e da distancia que ten este cantil o que me dirixo cada maña de venres. O mellor so escoitamos o eco da miña voz. 

  • José Luis Louzán.

comentarios