Venres. 19.04.2024
El tiempo

Clauthrus Archeri, un cogomelo curioso

Clauthrus Archeri, un cogomelo curioso
Se hai unha fin de semana onde os cogumelos son os protagonistas, esa é a ponte do Día de Tódolos Santos. Esta fin de semana milleiros de afeccionados á micoloxía terán a oportunidade de aprender un pouco máis sobre cogumelos da man de grandes especialistas. Se por Coristanco xa están cas 3º xornadas Micolóxicas de Ponte Lubián, o domingo e o luns a atención céntrase en Cee. Alí desenvolveranse as X Xornadas Micolóxicas da Costa da Morte, que xa son unha referencia en toda Galicia, e centos de persoas de todo o territorio achegaranse ata a vila da Xunqueira. Hoxe, da man do noso colaborador, José Manuel Castro Marcote, unha eminencia a nivel peninsular, coñecemos o estrano cogumelo que protagoniza o cartel da edición das Xornadas Micolóxicas, que artella dende hai 10 anos a Asociación Micolóxico Naturista Pan de Raposo. Semella que a Costa da Morte non se pode considerar como un referente mundial en micoloxía. Pero son cousas como estas as que sementan unha auténtica tradición.

Clauthrus Archeri, un cogomelo curioso

Clauthrus Archeri atopado en Zas por Stevo Lema Clathrus-archeri A propósito do cogomelo que aparece no cartel das X Xornadas Micolóxicas da Costa da Morte, e ante a estrañeza de moitos pola rara forma, imos comentar unha serie de curiosidades sobre ela, pois non deixa de ser un cogomelo con moita enxundia. Taxonomicamente, é un Gasteral da familia Phallaceae, especies, todas elas, cunhas formas moi curiosas, que van dende redes vermellas ata formas fálicas ou aspecto de cefalópodos como no caso que nos concirne, pero non son raras, son doados de ver na nosa zona. As Phallaceae e en especial as especies do xénero Clathrus, desenvólvense a partir dun ovo que medra semienterrado e ao madurar rompe o peridio, que o recobre na parte apical, e emerxe o carpóforo. No caso de Clathrus archeri, está formado por un pé e 5 ou 6 brazos de forma triangular e rematados en punta, que recordan aos brazos dunha lura. Na base, permanecen os restos do peridio a xeito de volva. Pero dixemos que ten unha serie de características curiosas, e a primeira é que se trata dun cogomelo orixinario de Tasmania, Nova Zelandia e máis rara en Australia, que chega a Europa durante a primeira guerra mundial. Créese que poideron transportarse, as esporas, coa la de ovella importada para fabricar a roupa militar ou mesmo entre a forraxe para alimentar á cabalaría neozelandesa durante a guerra europea. Comeza a verse nos arredores de París nos anos posteriores á guerra e vaise estendendo pouco a pouco cara ao sur, entrando na Península Ibérica nos anos 60 ou 70 e estendéndose pola cornixa cantábrica e por todo o norte peninsular. A segunda característica é a de ser unha especie moi invasora, que se alimenta de restos vexetais, tanto en bosques de frondosas coma de coníferas. Na Costa da Morte era moi rara hai dez anos, encontrámola por primeira vez no ano 2002, e hoxe en día pode verse en gran cantidade por todos os cantos. Outra característica que a fai especial é o seu olor fétido ou de excrementos cando está madura, estratexia que utilizan todas as especies de Phallacea para atraer as moscas. Estes insectos, enganados polo olor, son os responsables de esparexer as esporas que levan nas súas patas, impregnadas da substancia viscosa que as contén. A pesar do seu aspecto e olor, considérase un comestible mediocre cando está en estado de ovo. Se desfeita a parte xelatinosa e frítese en toros o resto. Se vos atrevedes, por favor contádeme a experiencia. Se a queredes ver en directo, seguramente a teremos na exposición micolóxica de Cee, esta fin de semana. Animarvos!
  • José Manuel Castro Marcote (jmcmarcote[arroba]quepasanacosta.gal).

Novas relacionadas

Nocións micolóxicas con José Manuel Castro Marcote

Fonte

Comentarios