Galicia está ardendo
Galicia está ardendo. Os incendios devoraron miles de hectáreas, para ser exactos 155.000 hectáreas en agosto, segundo o sistema europeo Copernicus. Familias enteiras atrapadas, desaloxadas ou confinadas. Ante esta realidade, o deber dunha televisión pública debería ser o de achegar datos fiables, actualización en tempo real da situación e orientar a cidadanía. Porén, todo o que estamos a vivir os galegos é o contrario, pois a TVG está a vendernos unha realidade deformada, con claros fins partidistas e co claro obxectivo de protexer o goberno da Xunta e culpar Madrid, ocultando a realidade que temos diante dos nosos fogares.
Esta denuncia non vén só dos miles de galegos afectados, nin da propia oposición política. Son os propios traballadores da CRTVG os que falaron de “abandono do servizo público nun dos maiores incendios da historia de Galicia”. Cando son os profesionais da televisión os que levantan a voz, xa non se trata de partidismos, sesgos ou ideoloxías, estamos a falar dunha crise democrática.
A gravidade non só se trata da manipulación que está a exercer a televisión pública de Galicia, trátase tamén da desinformación en medio dunha emerxencia desta importancia. Onde o lume e o cheiro a fume, cada vez máis preto das casas, vese desviado pola programación da televisión pública cara a polémicas políticas de segundo nivel, que pouco importan aos miles de galegos e ás súas casas ameazadas polos incendios.
A televisión pública non debe pertencer a ningún goberno, senón á cidadanía que cos seus impostos a financia. A función da CRTVG, como a de calquera televisión pública, debe ser servir á sociedade, e non ser a marioneta dun goberno. O historial de manipulación da CRTVG é amplo, pero neste momento cometeron un dos abandonos máis grandes á sociedade galega, e cando se cruzan estas liñas, o bosque non é o único que se queima, senón a credibilidade dun medio público, que debería ser de todas as galegas e galegos.
- Lois Benlloch (Fisterra). Graduado en Ciencia Política e da Administración, e rematando un mestrado en Márketing Dixital. Interesado na comunicación, na política e nas cuestións sociais.
- IG: @loisbenlloch
Outros artigos de Lois Benlloch en QPC