A brecha de poder nos concellos: España, Galicia e Costa da Morte
En España, as mulleres gañaron espazo nas institucións, mais isto non vai directamente relacionado cos postos de liderado. A lei obriga dende hai uns anos a que as listas sexan paritarias, e isto nótase, pois tras as últimas eleccións municipais as mulleres ocupan o 42,8 % das concellerías a nivel español. Non obstante, cando estamos a falar de liderar (alcaldías), a desigualdade reaparece con claridade. Só o 24,5 % das alcaldías do país están en mans de mulleres, o que se traduce en que tres de cada catro alcaldes son homes.
A diferenza entre presenza e poder é clave. Non se trata unicamente de cantas mulleres forman parte dos gobernos locais, senón de cantas delas poden tomar decisións reais. Na política local, a alcaldía non é un cargo simbólico, é a máxima autoridade administrativa e política nun concello.
En Galicia, as cifras baixan a media nacional. Dos 313 concellos galegos, unicamente 69 están gobernados por mulleres. Isto representa un 22 % das alcaldías en comparación co 24,5 % de media a nivel nacional. Mentres tanto, as mulleres ocupan un 42,1 % das concellerías, o que demostra que a paridade formal está a avanzar, mais isto non é sinónimo de poder real.
Na Costa da Morte, con seus 19 concellos (Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carballo, Carnota, Cee, Corcubión, Coristanco Dumbría, Fisterra, A Laracha, Laxe, Malpica de Bergantiños, Mazaricos, Muros, Muxía, Ponteceso, Santa Comba, Vimianzo e Zas), non é unha excepción. Tras as eleccións, unicamente 5 dos 19 concellos están liderados por mulleres:
- Camariñas, con Sandra Ínsua (PSdeG)
- Cee, con Margot Lamela (PSdeG)
- Fisterra, con Áurea Domínguez (AV)
- Vimianzo, con Mónica Rodríguez Figueira (PSdeG)
- Muros, con María Lago (BNG)
Mentres o resto dos 14 concellos están gobernados por homes. Isto significa que na Costa da Morte o 73.68% das alcaldías están en mans masculinas. Unha porcentaxe que encaixa ca media estatal e autonómica.
Isto non é unha casualidade. A política local é un espazo onde os factores culturais, familiares e as redes sociais teñen un gran peso. Moitas mulleres vense afectadas polas estruturas partidarias: falta de apoio no partido, asociación con roles de apoio e acompañamento.
Os partidos deberían ir máis alá de cumprir simples formalidades. A igualdade real non consiste en poñer a mulleres en listas para cumprir a lei, senón darlle o seu espazo no proxecto. Isto, entre outras cousas, inclúe apoiar máis candidaturas femininas e romper cos estereotipos.
En conclusión, a igualdade non se mide polo número de mulleres que participan —que tamén—, senón polo número de mulleres que gobernan. E mentres a metade da poboación sexa minoría nos postos de poder, a democracia plena seguirá sendo unha aspiración incumprida.
- Lois Benlloch (Fisterra). Graduado en Ciencia Política e da Administración, e rematando un mestrado en Márketing Dixital. Interesado na comunicación, na política e nas cuestións sociais.
- IG: @loisbenlloch
Fontes
- Instituto de las Mujeres – Sección “Mujeres en cifras”.
- Ministerio del Interior – Resultados elecciones 2023