Mércores. 21.08.2019
El tiempo
María Bella
11:04
04/12/17

AMARE*

Escena de traballo no belen de Corcubion pintada por Carlos Martínez Escena de traballo no Belén de Corcubión pintada por Carlos Martínez A palabra amateur ten a raíz latina “amare”. Marcos e Carlos son amateurs e levan quince anos honrando a raíz desta palabra. Fano cada ano sen excepción e durante meses. Os máis intensos son os que rodean o Nadal porque se preparan para expoñer "un conto de Nadal"; para inauguralo antes de que dean comezo as festas e para clausuralo ao terminarse. Máis aló do periodo visible de exposición durante o Nadal, da montaxe desde novembro e do desmontaxe a partir de xaneiro, Marcos e Carlos, dedícanse ao que non se ve: toda a actividade intermitente de mantemento, reparación e mellora das pezas, dos mecanismos, do audio, da narración, das luces; dun longo etc. O mundo de Carlos e Marcos conta con ao redor de trescentas cincuenta pezas que aumentan en número cada ano. A máis antiga é de 1949, o Castelo de Herodes. As máis valoradas por eles son as figuras feitas por artesanos recoñecidos como Joaquín Pérez ou Lebrija Montserrat Ribes. As máis sentidas, unha das tres fontes que é igualiña á da praza en Corcubión. As máis temidas, aquelas ás que lles incorporaron mecanismos para facer o que conta a voz en off e que poden fallar se as conexións ocultas baixo o belén non se fan con atino. Cada figura deste mundo amateur ten un porqué, un ano de entrada en escena e un lugar asignado que varía con cada edición. Case todas sufriron o deterioro do tempo e por conseguinte, as súas merecidas reparacións. Moitas son customizacións e ata hai construcións propias. Nada é superficial, ata o máis pequeñito e insignificante ten a súa historia e a súa razón de estar. Hai unha pequena pomba que se perde no conxunto que a fixo Lupe, unha artesana de Vigo. Son centos os misterios ocultos detrás de amare. Os amateurs aman o seu traballo. Critícaselles por non ser suficientemente profesionais, por non ter un alto grado de especialización e perfección, con todo ou a cambio, o seu traballo non atende ás ordes da rendibilidade do capital, cousa que hoxe non lle pasa case a ninguén. Toman as decisións atendendo aos seus desexos, o seu traballo nese intre é para gozar. Como recompensa tampouco perciben soldo e é por iso que para facelo debe estar a raíz latina amare polo medio. A parte, para poder vivir, ademais de ser amateurs, traballan por diñeiro como o resto (o que pode). No último tempo, como contestación aos efectos dun mundo neoliberal atravesado por continuas crises que atentan contra a vida poñéndoa en risco de infinidade de xeitos, óese repetir unha frase medicina que recorda a imperante necesidade social de volver poñer a vida no centro para protexela. Pese a todo, pese a propoñer discursos para o cambio nos que esta frase é o lema, a miúdo ocórrenos que se nos pasan as horas e os días sen conseguir facer das palabras feitos. Sen lograr enunciados felices, é dicir, que as palabras produzan realidade para que as frases nos curen. En última instancia, sen conseguir apenas de verdade poñer a vida no centro. Descentrada e descoidada, outra vez non somos capaces de subvertir as lóxicas do que realmente somos, capitalistas compulsivos. Unha pena. Ao final chegará a empresa e co seu efecto shiny de innovación social inventarase un app ao silicon valley que prometa axudarnos, por fin, a poñer a vida no centro. Nun pobo de menos de dous mil habitantes onde as infraestructuras e políticas culturais son inexistentes hai dúas persoas que durante meses se dedican a poñer a vida no centro unhas horas honrando a raíz da palabra amare, producindo con ela enunciados felices. Chegado o momento ocupan a igrexa, sen ser en absoluto relixiosos. Situada en no centro da vila cunha arquitectura fermosa preparan unha instalación de nada máis e nada menos que 20 m2 de espazo expositivo, e outros 20 de espazo de almacenamento. Nela constrúen o seu pequeno mundo a base de táboas, sacos, cables, area, musgo, figuriñas, casiñas, caixas, cravos e demases coas que recrean o relato histórico do nacemento de Xesús. O tempo que dedican fano libres dos imperativos da rendibilidade do capital. E cando está finalizado comparten xenerosamente o seu traballo. Feito día a día, ano a ano, peza a peza. Non hai nada nel que non puidésemos facer o resto. O reto dun amateur non é a dificultade técnica do que fai senón a dedicación por AMARE. -- O Belén de Carlos e Marcos pode verse na Igrexa de San Marcos en Corcubión desde o día 10 de decembro e ata o 7 de xaneiro. Estará aberto ao público de 17 a 19h os días previos a Nadal e desde o día 22 o horario de apertura amplíase tamén de 11 a 13h. Selección dalgunhas das fotos que dan conta do proceso de montaxe do Belen de Corcubion tomadas polo propio Marcos Selección dalgunhas das fotos que dan conta do proceso de montaxe do Belen de Corcubión tomadas polo propio Marcos   * Este artigo é froito da colaboración con Carlos Martínez, artista da vila de Corcubión, que pintou o cadro que o abre e con Marcos Vázquez López, amateur, que tomou as fotos do mosaico que o pecha.Quiero dedicar esta reflexión a ellos especialmente y a todos los que ayudan a que el belén se haga posible, a Camilo, Abelardo, Jan, Jesús, Serxio, Fran… y a los que sin nombrarlos se sientan aludidos!

Novas relacionadas

Artigos de María Bella en QPC

Fonte

comentarios