mércores. 31.12.2025
El tiempo

Garantizada a continuidade do servizo de Correos en Baio

Oficina de Correos en Baio
Antiga oficina de Correos en Baio
Garantizada a continuidade do servizo de Correos en Baio

Son continuos os problemas con Correos en toda a Costa da Morte. A política de recortes dos últimos anos da sociedade estatal provoca que haia problemas en numerosas oficinas da comarca, como é o caso da de Corcubión, ou como o de Camariñas, onde se substituíu a oficina por un punto de recollida automatizado. Así mesmo a comarca de Bergantiños ten vivido ata concentracións do persoal de Correos pola continua sobrecarga de traballo derivada dos recortes de persoal.

A ameaza tamén estaba sobre a oficina de Baio, onde a xubilación da actual funcionaria, propietaria do local de Correos, prevista para o 31 de decembro, podería ter provocado a perda deste servizo esencial. Pero dende o Concello de Zas realizaron un esforzo urxente para evitalo, garantizando así a continuidade do servizo.

Así o anuncia hoxe o Concello, que en apenas 15 días desde que recibiu o aviso, habilitou un novo local xunto ao Centro Sociocultural de Baio, que conta coas instalacións necesarias para que a oficina poida operar con normalidade.

O novo espazo mantén o mesmo horario de atención que ata agora, abrindo de 8:30 a 11:30 horas, garantindo así a continuidade dun servizo imprescindible para a veciñanza, especialmente para persoas maiores ou con dificultades para desprazarse. Estará en funcionamento a partir de xaneiro de 2026, abrindo as súas portas o vindeiro luns, 5 de xaneiro.

O alcalde de Zas, Manuel Muíño, destacou que “foi unha prioridade para nós asegurar que Baio non perdese un servizo tan esencial. Sabemos o importante que é para os nosos veciños e veciñas poder realizar as súas xestións sen ter que desprazarse”
.
Máis novas de Correos

Comentarios