Guía de turismo, unha profesión regulada

En anteriores #FirmasQPC temos falado da simplificación que chega a facerse do sector turístico, e das dificultades e confusións que isto pode provocar. Afondando na mesma liña, nesta ocasión comprobaremos ata que punto existen ideas falsas e descoñecemento, sobre a profesión do guía de turismo.
Para iniciar o asunto, analizamos a definición que se da na Lei de Turismo de Galicia sobre as persoas que desempeñan a profesión:
“Son guías de turismo os e as profesionais que, debidamente habilitados, prestan de maneira habitual e retribuída, servizos de asistencia, acompañamento e información en materia cultural, artística, histórica e xeográfica ós usuarios turísticos”.
Como vemos, o marco legal define as funcións e características do posto, deixando claro que para exercer a profesión en Galicia hai que ter unha habilitación previa.
O asunto está en que esa habilitación SOAMENTE a pode expedir a Axencia Turismo de Galicia. Que é a que tamén determina as condicións de acceso, o ámbito de actuación, e os demais requisitos precisos para traballar nesta profesión.
Polo tanto, non queda marxe para esa confusión, tan aparentemente inocente, á que ás veces se fai alusión; a profesión de guía de turismo está regulada. E non existe ningunha empresa, nin asociación, que conceda a habilitación oficial, nin faculte para ser guía de turismo, en ningún termo.
Toda persoa que queira exercer a actividade legalmente en Galicia, ten que ter a habilitación expedida pola Axencia Turismo de Galicia, estar inscrita no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) de Galicia, e posuír o carné oficial. Norma esta da que, única e exclusivamente, se exceptúan ós guías de turismo que exercen legalmente noutras comunidades autónomas.
Por último, cabe tamén chamar a atención sobre quen, sen cumprir os requisitos legais esixidos, exerce as funcións propias dun guía de turismo. Quen o fai, comete o delito de intrusismo profesional. E este, ademais de ser eticamente cuestionable, e prexudicar a profesionalización do sector, é administrativamente sancionable.
- María José Mato Figueiras. Guía oficial de turismo. Especialista en planificación e xestión de destinos turísticos, cun mestrado en Investigación Turística.
Artigos de María José Mato
- 5 claves de márketing para triunfar en FITUR.
- A hospedaxe turística na Costa da Morte.
- O modelo de desenvolvemento turístico sostible: cantidade ou calidade.
- Relacións entre residentes e turistas: a turismofobia.
- Turismo sostible para o desenvolvemento.
- A regulación do alugueiro de vivendas de uso turístico.
- Xeodestinos turísticos.
- A morte por éxito turístico.
- Que é o turismo?.
Fonte
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.com).