Luns. 13.07.2020
El tiempo
Mario Maceiras
06:31
04/06/12

Primeiro aviso

Primeiro aviso

Na tarde do pasado xoves 31 de maio, declarouse no Petón das Bouzas, a escasos metros do encoro de Santa Uxía, un lume no Monte Pindo. Non escribo para valorar a eficiencia dos medios, nin para chorar o valor ecolóxico da zona afectada, senón para amosar a miña seria preocupación pola tupida cortina de fume oficial que cubriu todo o asunto e que aínda non se disipou cando se escribe este artigo, 24 horas despois.

A primeira noticia sobre o lume chega cando un veciño do Ézaro divulgou a media tarde nas redes sociais unha imaxe da zona con varias columnas de fume emanando do Petón das Bouzas (Concello de Mazaricos), un pequeno monte de matogueira baixa que emerxe das augas do encoro ata case os 300 metros, a moi pouca distancia do lugar do Fieiro. Nas primeiras valoracións da imaxe xa se percibía a total confusión: que se queima controlada, que se queima de restrollos... mentras algúns aseguraban a presenza xa de efectivos contraincendios na zona.

Nese momento decidín chamar ao número de emerxencias, o 112, máis que nada por descartar. Cal sería a miña sorpresa cando no 112 aseguraron non ter constancia de ningún lume na zona, polo que procederon a rexistrar a incidencia e a pedirme o número de contacto en caso de calquera novidade.

Nas redes sociais a confusión continuaba, e asi ata hoxe. Ao medio día, nin a prensa, nin o Distrito Forestal V, nin sequera o propio Concello de Mazaricos tiñan ningunha constancia sobre o suceso, nin moito menos puideron indicarme se o incendio estaba controlado. As chamadas ao 112 e ao SEPRONA foron igualmente infrutuosas, os primeiros aseguran que o seu traballo limítase a tramitar as incidencias e non a informar sobre as mesmas, e os segundos porque o horario de atención ao público disque rematara unha hora antes da miña chamada.

Non quero ser tremendista, mais cando todo parece confabularse de xeito que tras facer varias chamadas preguntando por un tema tan pouco discreto como un incendio forestal, segues sen o máis mínimo dato, da que pensar. E máis tratándose dun lume nas mesmísimas abas do Monte Pindo, un dos enclaves xeolóxicos máis importantes do mundo que pode converterse moi pronto no primeiro parque natural da Costa da Morte.

Todo parece indicar que para saber se o lume se extinguiu o único que se pode facer é comprobalo cos teus propios ollos, e se cadra cun caldeiro de auga en cada man por se ademais de ocultalo tamén se esqueceron de apagalo... Por certo, a esta hora o "incidente" segue activo na páxina do 112.

  • Mario Maceiras: Secretario da Asociación Monte Pindo Parque Natural.

Novas relacionadas

Máis artigos en O Prouxiarado

Fonte

comentarios