Venres. 19.04.2024
El tiempo
Miro Villar
11:18
03/04/19

«Finisterre», espectáculo teatral da compañía italiana Praticidealisti en homenaxe ao editor Alexandre Finisterre

Alejandro Finisterre a obra de teatro italiana
Alejandro Finisterre a obra de teatro italiana
«Finisterre», espectáculo teatral da compañía italiana Praticidealisti en homenaxe ao editor Alexandre Finisterre

A denominada «Fondazione Claudia Lombardi per il teatro», creada para fomentar a creación de novos proxectos dramáticos, declarou o ano pasado como proxecto vencedor da convocatoria «Testinscena 2018» o espectáculo teatral da compañía italiana Praticidealisti intitulado «Finisterre», que está baseado na biografía do editor Alexandre Finisterre. O proxecto deu lugar á posta en escena dunha obra que xa está a percorrer diversos espazos teatrais do seu territorio.

Na súa páxina a compañía publica dous textos de presentación que traducimos do italiano. 

O espectáculo 

«Finisterre» (Fisterra) é un lugar da Galiza (Spagna) asomado ao océano. Finisterre é tamén un nome, de Alexandre Finisterre: home, soñador, inventor, poeta, editor, viaxeiro, exiliado, antifascista, bailarín de tip tap. A súa historia iníciase na Galiza e viaxa por Europa e América do Sur atravesando o río na plenitude do novecento (século XX): da guerra civil española ao terceiro milenio. Na súa incrible vida que é tamén unha invención sen tempo: o calcio balilla (fútbolín). 

Hai encontros extraordinarios: Picasso, Che Guevara, poetas exiliados; fuxidas e publicacións clandestinas; encontros de ideoloxía e poesía. Unha vida plena de amor, amizade, rabia e odio pola ditadura franquista que devén loita armada de palabras, sen fusís ou bombas, unha loita realizada publicando os libros prohibidos polo réxime: bombas de poesía que lle fan dano á ditadura. Que resta de todo isto? En que modo a historia deste home pode axudar hoxe a definir mellor o que somos e a vida que queremos vivir? 

Finisterre-teatro de Marco Taddei

A compañía 

Dous actores diplomados  pola «Accademia dei Filodrammatici di Milano», Laura Zeolla e Fabio Bisogni, despois de varias experiencias profesionais vividas singularmente decidiron xuntar as súas enerxías creativas. Na primavera de 2017 nace a idea de lle dar vida a unha compañía teatral que no 2018 se constitúe formalmente co nome de Praticidealisti da que fan parte tamén Marco Taddei, director e dramaturgo e Francesca Badalini, música. Ideamos a compañía como unha oportunidade de independencia e responsabilidade, como lugar de experimentación, xogo, produción e apertura colaborativa con outros artistas e entes teatrais. O noso intento é darlle corpo e voz a novas dramaturxias, biografías teatrais e textos clásicos. Queremos crear espectáculos densos e profundos, adaptables a espazos grandes, pequenos e a lugares non convencionais. O nome Praticidealisti é unha homenaxe a Alexandre Finisterre, o inventor do calcio balilla (futbolín), protagonista da nosa primeira biografía teatral. Finisterre amaba definirse un práctico idealista. Un concepto dinámico, poético e concreto que desexariamos que fose o fundamento das nosas creacións. Co proxecto FINISTERRE a compañía participa e gaña a edición 2018 da convocatoria «Testinscena» promovida pola «Fondazione Claudia Lombardi per il teatro». 

E a nós só nos resta animar aos Festivais de Teatro do noso país, e da nosa comarca en especial, a traeren aos escenarios as representacións deste espectáculo que fala dun dos nosos exiliados máis representativo.
A páxina da compañía Praticidealisti está aberta.

  • Miro Villar, ceense Doutor en Teoría da Literatura e Literatura Comparada, é profesor de lingua e literatura galegas, ademais de poeta, narrador, tradutor e crítico literario en diversas revistas e publicacións periódicas. Autor do blog As crebas.

 

Máis artigos de Miro Villar en QPC

Comentarios