Domingo. 21.07.2019
El tiempo
Xosé Manuel Barros
08:08
01/05/19

Greta Thunberg e o Principiño

Greta Thumberg
Greta Thumberg
Greta Thunberg e o Principiño

Greta Thunberg é unha rapaciña sueca de 16 anos que leva moitos meses movilizando a todos os estudantes do mundo para que se poñan en folga, canda venres (“venres polo futuro”), para reclamar aos políticos medidas contra o Cambio Climático.

Por primeira vez, o 28 de agosto do pasado ano manifestouse ela soíña, sentada coa súa pancarta diante do parlamento sueco, para que o goberno do seu país “ cumplira os compromisos de recorte das emisións de CO2 asinados nos acordos do Cumio de Paris do ano 2015 para frear o Cambio Climático”. Nada máis e nada menos, así de valente, unha cativa de 16 anos que semella ter moitos menos.

Dende aquel día o seu discurso pausado, serio, contundente, entreverado con datos científicos que alertan do progresivo deterioro do planeta, está sendo escoitado nos máis exclusivos foros: O Cumio do Clima da ONU en Polonia, no Parlamento Europeo, no Foro de Davos, no Elíseo, no Vaticano, no Parlamento Británico …... ( “estadesnos mintindo, estadesnos dando falsas esperanzas”, guindoulles na cara á súas señorías). O propio David Attenborough, aos seus 93 anos, respalda a súa campaña. Ten sido nominada para o Premio Nobel da Paz. Con millóns de seguidores en todo o mundo, os medios de comunicación pelexan para lle facer entrevistas. É unha estrela mediática,

De onde xurdiu esta voz pura? De que galaxia lonxana procede esta criatura de voz clara coa súa mensaxe de aviso e redención? É acaso, unha amiga do Principiño que ven dun asteroide solitario para nos avisar que coidemos o noso planeta, aquelo que amamos e necesitamos e que atallemos os problemas antes de que sexa demasiado tarde? É, se cadra, auga fresca para despertaren os nosos ollos, enmallados nas redes sociais, que só acertan a ver sombreiros onde as boas tragan elefantes?

Teño medo por ela, teño medo de que a perdamos ou que a boten a perder porque todos os mecanismos do capitalismo salvaxe, manexando as eficientes ferramentas a dispor da sociedade de consumo, están xa a estudar de que maneira poden engulila, domesticala, banalizala. Aos 11 anos, a Greta Thunberg diagnosticáronlle síndrome de Asperger, un trastorno do espectro autista. Por aí será unha das frontes que lle buscarán para roela.

Greta Thunberg, no seu chamamento á mocedade do mundo a se manifestar cada venres na defensa dun futuro para as novas xeracións é unha inspiración para toda a humanidade, é tamén unha inspiración para min no meu traballo en Mar de Fábula. Ogallá fóramos capaces de organizar, cada semana, unha limpeza de praia para acompañar a esta Activista do Clima na súa teima para que se tomen medidas para atallar, nun 50% para o 2030, as emisións de gases de efecto invernadoiro. De outra maneira, as secas, inundacións, e fenómenos climatolóxicos extremos, afectarán, máis e máis, a centos de millóns de persoas en todo o planeta.

Adiante, Greta Thunberg! Por certo..... onde están as folgas dos “venres polo futuro” dos estudantes galegos?

 

Novas relacionadas

 

Artigos de Xosé Manuel Barros

comentarios