Os Premios Nordés ollan á diáspora e homenaxean a Perfecto Marcote


Este venres 22 de novembro, Dumbría acolle a celebración da XIV Gala dos Premios Nordés 2013. A emisora costeira entrega este curso diferentes premios que tratan de reivindicar o papel de persoeiros costeiros no mundo, nunha gala na que actuará o rapeiro ceense Leo KCH presentando o seu disco “Gritos en Silencio”.
E precisamente este ano a Nordés fai unha ollada á diáspora e entregará o seu "Premio Nordés" ao fisterrán Perfecto Marcote Marcote, un home que ser podería definir con palabras como "laboriosidade, xenerosidade e honestidade". O fundador e presidente do Centro Galego de Xubilados e Pensionados, nacía en Fisterra en 1922, e foi o primeiro fisterrán en emigrar a Perú para onde partiu no ano 48. Traballou en varias empresas até que mercou un barco xunto a un amigo, anos despois un temporal afundiulles a embarcación polo que toma a decisión marchar para Arxentina, instálandose definitivamente en Buenos Aires no 1957. Traballou na Marina Mercante Arxentina até a súa Xubilación, momento no que se dedicou á tarefa social. Foi Vicepresidente da Sociedade Finisterre en América, fundou o Centro Galego de Xubilados e Pensionados da República Arxentina do que foi Presidente.
Foi galardoado en innumerables ocasións e dende o 2010 vive na súa terra, na fin do mundo, onde se adica a escribir poesía.
Máis Premios Nordés
O Nordés das Artes que recae no ceense Daniel Romar Sambade, Músico, Compositor e Lutier. Estudou Grado profesional de gaita e folclore galego, Grado superior de composición, estudos oficiais de frauta de pico e interpretación de repertorio antigo historicamente documentado. Actualmente é profesor na escola de música de Cee, Editor de libros de musica antiga, colabora no proxecto audiovisual color sonoro con membros dos conservatorios superior de musica e de danza da Coruña xunto a membros da escola de imaxe de son. Garda tempo para recuperar instrumentos antigos e compoñer pezas como “Fantasía concertante para gaita e banda” premiada cun galardón de prestixio internacional como o Constantino Bellón.
O Nordés do Deporte para os cadetes do club de fútbol Dumbría, que na pasada temporada acadaban un feito histórico, o ascenso por primeira vez para un quipo da bisbarra á categoría de honra cadete. E fixérono só un ano despois da chegar á liga galega, 2 ascensos consecutivos que son a consecuencia de combinar unha excelente xeración de xogadores, un equipo técnico entregado e profesional xunto cunha filosofía de club seria e constante que xa empeza a chamar a atención dos mellores clubs nacionais como o At. de Madrid co que en breve empezará a traballarse no proxecto dunha escola deportiva.
O Nordés aos Emprendedores que recae na explotación gandeira Busto Corzón de Mazaricos. Referencia no sector lácteo a nivel internacional, unha das primeiras granxas europeas en lograr a máxima distinción de calidade en seguridade alimentaria, a ISO 22000:2005.
O Nordés da Divulgación para Julio César Castro Marcote, unha referencia no sector turístico que non esquece os seus inicios no negocio familiar Casa Lestón en Sardiñeiro, Fisterra. Pilar indiscutible en Paradores, foi o Responsable da posta en marcha do parador de turismo de Ribas do Sil, dirixiu o de Monforte e a día de hoxe dirixe o de Ferrol, Vilalba e o hotel mais antigo do mundo o Hostal dos Reis Católicos en Santiago de Compostela nomeado ai pouco mellor parador de España. Dende aí exerce como ninguén de embaixador da Costa da morte, presumindo e transmitindo aos miles de turistas e peregrinos as bondades da súa terra, contribuíndo dende ese punto clave a que a prolongación do camiño de santiago cara a costa sexa cada día mais coñecido.
Queda por coñecerse o Nordés da Audiencia para o que continua aberta a votación nas redes sociais.
Novas relacionadas
Fonte
- Nota de prensa da Radio Nordés.