QPC unifica os Horarios de Autobuses de toda a Costa da Morte


Son xa máis de 5 anos realizando este esforzo intentando mellorar o servizo de transporte colectivo da Costa da Morte. Un servizo que dista moito de ser público e de calidade, a pesar das vagas promesas en tempos electorias, e que leva en claro declive nos últimos anos.
Loitamos dende QPC contra a prevaricación do servizo dos únicos xeitos dos que dispoñemos: denunciando a precariedade, e facilitando a información a veciños e visitantes.
Así, cando comeza a temporada outono-inverno, facemos unha completa revisión dos horarios, coa inclusión de novas liñas, acompañado ademais dunha renovación do deseño do cartel informativo, da man de Javier Calaza, e gracias á colaboración da Axencia de Viaxes ceenses "Travels to Finisterre", e do Hotel Mar de Fisterra.
Unimos ás liñas que xa tiñamos cubertas (Santiago-Fisterra polas dúas rutas, Coruña-Fisterra, Cee-Muxía-Camariñas e Muxía-Santiago), as seguintes liñas, para cubrir toda a Costa da Morte:
- Muxía - A Coruña.
- Camariñas - Vimianzo.
- Laxe - Corme - Ponteceso - Malpica - Carballo - A Coruña.
- Mazaricos - Santa Comba - A Coruña.
- Santa Comba - Santiago.
Cada vez, menos liñas, e menos conexión intercomarcal
Miramos con envexa aqueles tempos nos que, en 2008, 5 buses facían a ruta Malpica á Coruña, reducidos a 2 a día de hoxe.
Se durante o verán a cadencia de liñas parece máis ou menos axeitada, segundo moitos hostaleiros, durante o inverno énos imposible aos veciños depender dos buses. Os horarios deste inverno 15-16 son semellantes aos do pasado curso pero aínda con menos servizos.
Por exemplo, perdemos un enlace os sábados entre Santiago e Fisterra por Zas e Santa Comba, e outro os domingos de volta. Datos das rutas de Autocares Vázquez, que anulou tamén as súas conexións entre Cee-Muxía-Camariñas de xeito que durante as fins de semana non hai enlace ningún entre as 3 vilas costeiras, reincindindo no gran cabalo de batalla do servizo, as conexións intracomarcais.
Máis información
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).