luns. 23.02.2026
El tiempo

Carballo

Un programa de visitas escolares guiadas polo Día de Rosalía

O Concello de Carballo desenvolverá estes luns 23 e martes 24 de febreiro un programa de visitas escolares guiadas ao Xardín de Rosalía, coincidindo coa celebración do Día de Rosalía e co obxectivo de achegar a figura e a obra de Rosalía de Castro ás novas xeracións.

O Xardín de Rosalía, inaugurado no ano 2023, converteuse nun espazo de referencia cultural e educativa no municipio. Situado no ámbito do Parque do Anllóns, funciona como aula ao aire libre na que se combinan patrimonio literario, natureza e creación artística.

As visitas, organizadas pola Concellaría de Normalización Lingüística, están dirixidas ao alumnado de 3º e 4º de educación primaria. Ao longo do percorrido, o alumnado participará en explicacións didácticas adaptadas á súa idade, recitados poéticos e propostas musicais que permiten coñecer dunha maneira dinámica e vivencial a importancia de Rosalía na historia da literatura galega.

Nesta edición participan os centros A Cristina, CEIP Nétoma-Razo, San Luís Romero, Bergantiños, Fogar e Gándara-Sofán. En total, máis de 200 escolares ao longo das dúas xornadas.

A dinamización musical correrá a cargo de membros do grupo Raiceira, que interpretarán pezas inspiradas na obra rosaliana, contribuíndo a crear unha experiencia cultural completa na que poesía, música e natureza dialogan nun mesmo espazo.

Con esta iniciativa, o Concello reafirma o seu compromiso coa difusión da cultura galega e coa educación en valores, promovendo actividades que fomentan o coñecemento do noso patrimonio literario desde idades temperás.

xardin rosalia marzo 2026 En Carballo
Imaxe do Xardín de Rosalía de Carballo
Un programa de visitas escolares guiadas polo Día de Rosalía