domingo. 10.05.2026
El tiempo

Zas

Un videopoema de Mónica Ínsua Torralba, do IES de Baio, vencedor do Concurso da Casa-Museo Manuel María.

Arrasa o IES Maximino Romero Lema de Baio (Zas) en calquera concurso que se ofreze. O centro vén de acadar outro premio. O videopoema "A xustiza pola man", realizado por Mónica Ínsua Torralba (4o da ESO), foi unha das dúas gañadoras da IXª edición do Concurso de videopoemas sobre composicións poéticas de Rosalía e Manuel María.

O acto de entrega de premios celebrouse esta mañá en Outeiro de Rei (Lugo), onde tamén se expuxeron os doce traballos finalistas desta edición, seleccionados dun total de case un centenar de videopoemas presentados por centros educativos de toda Galicia. Mónica estivo acompañada por Fina Paulos Lareo, docente que coordinou esta actividade no centro, sendo Mónica a nosa representante no concurso.

Monica Insua Torralba con Fina Paulos
Monica Insua Torralba coa premiada mestra Fina Paulos

O videopoema premiado, titulado “A xustiza pola man”, está baseado nunha composición poética de Rosalía de Castro. O xurado do certame, composto polo realizador Omar Rabuñal Varela, o profesor e guionista Eduardo Álvarez González, e a profesora e guionista Anxa G. Refoxo, destacou que a peza “consegue que todo funcione: interpretación, fotografía, vestiario, lectura do poema e montaxe”, e subliñou en particular o uso do recurso do “fóra de campo” como elemento narrativo, que “logra unha sobresaínte estimulación dos sentidos e visualización activa”.

O concurso valora aspectos como a coordinación entre os participantes, a elaboración do guión, a participación das familias e a capacidade de transmisión de ideas e valores a través da combinación de elementos sonoros e audiovisuais.

Dende o IES Maximino Romero de Lema queren felicitar a Mónica polo seu traballo, creatividade e dedicación, e agradecemos a todos os docentes e familias que acompañaron este proxecto. "Este premio é un recoecemento á calidade do traballo que se realiza no noso centro e un estímulo para seguir fomentando a creación artística e o achegamento á literatura galega entre o noso alumnado.

 

 

Un videopoema de Mónica Ínsua Torralba, do IES de Baio, vencedor do Concurso da Casa-Museo Manuel María.