Sábado. 18.05.2024
El tiempo

Carta de Boca de Sapo á cidadanía de Corcubión: "Paráfrase de Sánchez"

  • A Asociación Boca de Sapo, directamente implicada nunha acusación do PSOE de Corcubión contra a concelleira de Cultura, e á que xa respondera a súa "parella", quere publicar unha carta aberta á cidadanía.
  • Paralelamente, o grupo do BNG pide ao PSOE unha rectificación pública sobre as “acusacións falsas”. Os nacionalistas non ven “ético nin sensato que o PSOE pida hai uns días en Madrid acabar con bulos, mentiras e falsidades na política, e que en Corcubión faga todo o contrario”.
Membros do Boca de Sapo na Finca Cambeiro
Membros do Boca de Sapo na Finca Cambeiro
Carta de Boca de Sapo á cidadanía de Corcubión: "Paráfrase de Sánchez"

Carta á cidadanía da asociación Boca de Sapo: PARÁFRASE DE SÁNCHEZ

A asociación Boca de Sapo resposta ás acusacións verquidas por parte do grupo municipal do PSdG-PSOE de Corcubión parafraseando a Carta á cidadanía do presidente Sánchez, replicando a súa forma e argumentario, recomendándolle ao PSdG-PSOE de Corcubión que non utilice os medios que o presidente Sánchez denuncia

Non é habitual que nos dirixamos a vós a través dunha carta. Porén, a gravidade das acusacións que estamos a recibir e a necesidade de dar unha resposta sosegada, fannos pensar que esta é a mellor vía para expresar a nosa opinión. Agradecémosvos, por tanto, que tomedes un pouco do voso tempo para ler estas liñas.

Como xa saberedes, e se non vos informamos, o grupo municipal do PSdeG-PSOE de Corcubión verteu na prensa unha serie de bulos e informacións tóxicas contra a nosa compañeira María Bella e por extensión contra a asociación Boca de Sapo.

Na nosa opinión, estes son métodos dunha orientación de dubidoso carácter ético, máis cando observamos que non houbo nin a máis mínima preocupación por acadar información contrastada polo asunto que supostamente denuncian e que consideramos que non é digna dunha formación política que presume de ser progresista. Como é lóxico, a nosa compañeira defendeu e seguirá defendendo a súa honorabilidadeesclarecendo uns feitos tan escandalosos en aparencia como inexistentes.

Tras o lamentábel comunicado lanzado polo grupo municipal do PSdeG-PSOE, así como as posteriores declaracións na radio do seu portavoz, por alusións, vémonos obrigados a ter que defender á honra da nosa Asociación posto que se nos acusa implicitamente de arroupar un suposto caso de infuencias con ánimo de lucro. Acusacións lamentábeis que cremos froito dunha improvisada estratexia partidista que tan só buscaba o protagonismo político e a chamada de atención pública a través dos medios de comunicación sen pensar nas súas consecuencias e no dano persoal que estas acusacións fan.

Incorporamos aquí unha serie de aclaracións coa finalidade de dignificar o labor que se desenvolve dende a nosa asociación, labor que se viu enturbiado por unhas prácticas políticas que calificamos de intolerábeis por parte de todas os membros que configuramos a directiva de Boca de Sapo os cales defendemos a liberdade e independencia de cada quen a estar e exercer, no seu dereito democrático, nas organizacións que cren convintes.

Faltaría máis!

A Asociación Cultural Boca de Sapo foi un axente chave na revitalización da Monte Cambeiro, situada no concello de Corcubión. Algo que vimos facendo desde 2017 ano onde nos constituímos como asociación e no que se aprobou en pleno a nosa primeira iniciativa en forma de moción e presentada por nós, para declarar "Concello libre de eucaliptos" e que desenvolvendo a moción aprobada, acadamos que Monte Cambeiro sexa xa unha zona totalmente desecauliptizada para que pouco a pouco a vida dos nosos bosques autóctonos se rexenere e poidamos gozar dun verdadeiro oasis de biodiversidade, vida e natureza plena.

O seu compromiso coa conservación do territorio formalizouse e afianzouse mediante a sinatura dun acordo de custodia do territorio pioneiro no noso país entre unha asociación e unha administración, no que buscamos garantir a protección a longo prazo deste espazo natural.

Esta asociación conseguiu converter Monte Cambeiro nun espazo vivo edinámico, onde a natureza e a cultura se entrelazan harmoniosamente.

O noso traballo non só beneficia á contorna natural, senón que tamén enriquece a vida da comunidade local e inspirando a outros a seguir o seu exemplo na conservación do patrimonio ambiental e cultural.

Estas e moitas outras actividades foron realizadas en colaboración co Concello de Corcubión, gobernado daquela polo PSdeG-PSOE, o que non supuxo -cando menos para nós- ningún impedimento para realizar accións en beneficio de Corcubión e da comunidade.

O proxecto Terra Creativa, que nos invita a tecer aprendizaxes que partan da creatividade que habita nun monte rexenerado para despertar novas sensibilidades e vínculos coa terra, é un orgullo para nós e queremos que o sexa para toda a veciñanza. Supón o recoñecemento a un proxecto de enorme calado, seleccionado entre moitos outros proxectos e distinguido cunha honra moi destacada.

Sementar a sombra da dúbida enriba de actividades que só procuran o ben común e pór en valor ao noso concello é botar a andar a “máquina do fango”.

A nosa compañeira María Bella é unha excelente profesional no eido da xestión cultural, cunha dilatada experiencia e un destacábel currículo. É como dicimos, unha profesional do mundo da cultura.

Sementar a sombra da dúbida sobre a súa actividade, coas estratexias do bulo e da difamación, converte á política local nunha lameira. Iso tamén é “máquina do fango”.

En resumo, trátase dunha operación de acoso e derribo por terra, mar e aire, para intentar facernos desfalecer no noso activismo e no persoal, atacando á nosa compañeira e mesmo á súa parella.

Non somos inxenuos, somos conscientes que sinalan a María Bella non porque fixese algo ilegal, eles saben que non hai caso, senón polo valor dotraballo que desempeña. Sen ningún rubor, o grupo municipal do PSdeG-PSOE de Corcubión puxo en marcha o que o grande escritor italiano, Umberto Eco, chamou “a máquina do fango”. Isto é, tratar de deshumanizar e deslexitimar o adversario político a través de denuncias tan escandalosas como falsas.

Desde a Asociación Boca de Sapo facemos un chamamento a que a política local non se convirta nun "campo de batalla" que lembra moito a estratexias, que se ben non queremos denominalo así, polo respecto que temos a todas as formacións políticas do Concello de Corcubión, de tintes dereitistas e ultradereitistas, doutras latitudes do Estado Español.

Nós responderemos sempre dende a razón, a verdade e a educación. Todo isto lévanos a dicirvos que seguiremos traballando, que NON cancelaremos a nosa axenda pública pero convidamos aos membros do grupo municipal PSdeG-PSOE de Corcubión a que reflexionen e decidir que camiño tomar.

Graciñas polo voso tempo. Comunidade Eco-Social e Cultural Boca de Sapo

Máis novas

 

Comentarios