Sábado. 27.07.2024
El tiempo

Unha procesión das Letras polo 17 de maio en Corcubión

Procesion das Letras Corcubion
Unha procesión das Letras polo 17 de maio en Corcubión

Este sábado 11 de maio comeza ao programa das Letras Galegas en Corcubión. Será cun obradoiro de Imprenta Creativa dirixido á rapazada a partir de 8 anos e ao público adulto. Estará impartido por Alouette Machine, un proxecto adicado á producción gráfica político-poética que emprega a técnica da tipografia como medio para falar creativamente.

Toda a produción deste obradoiro estará conectada coas Letras Galegas e mesmo servirá como material gráfico que levar á rúa durante a “Procesión da Cultura: Luisa Villalta” que terá lugar o sábado 18 ás 12 da mañá. O centro da proposta do programa municipal deste ano en Corcubión de feito xirará en torno á convocatoria desta “Procesión da Cultura” coa que se pretende convidar a toda a veciñanza a sair a rúa a celebrar, principalmente, a figura de Luisa Villalta pero tamén as de outras tantas figuras relevantes que foron conmemorándose no pasado medio século e que forman parte da nosa identidade cultural.

A procesión sairá desde a Casa da Cultura con paradas na Capela de San Antonio, paso pola rúa Peligros, Praza de Castelao e Praza da Igresia de San Marcos cun punto final no Campo do Rollo onde terá lugar a presentación do libro “Luisa Villalta. Alma de Violino” da man das autoras Laura Suárez, Beatriz Maceda e Eli Ríos

A procesión estará musicada polas Gaiteiras de Pedras Miúdas e participada con recitais e baile desde a Asociación Boca de Sapo e o Grupo de Baile Xaldón. Ademais colaboran na confección de imaxinario, imaxes e letras da procesión a Asociación A Mesa, a rapazada da Escola Infantil Municipal e a do programa municipal Madrugadores. Contaremos probablemente coas aportacións do alumnado do CEIP Praia de Quenxe e a asistencia de membros de ASPADEX.

Importante é salientar que se pide aos asistentes que acudan á procesión que leven algunha roupa con motivo floral.

Cartazo_Letras Galegas_Corcubión

Teatro

Outra das actividades a remarcar desde a organización do concello é a programación da obra “Wombo Combo” o propio venres 17 ás 20h na Casa da Cultura. Unha producción de Galeatro con texto de Paula Carballeira que nace coa vontade de amosar ao espectador a deriva virtual, en detrimento da presencial, na que se atopa a sociedade actual e, por suposto, os nosos nenos e nenas. Unha obra pensada para todos os públicos.

As Asociacións

Importante salientar as aportacións ao programa desde distintas entidades e asociacións. Organizado pola Asociación Cántigas de Dona Xoana como parte da axenda expandida do Mercado Medieval terá lugar a Entrega de premios do "I certame de debuxo esbozos medievais" e do "I certame de poesía Desembarco das tropas de don Rodrigo de Luna" o propio Venres 17 ás 19,30, antes de “Wombo Combo” tamén na Casa da Cultura. A Universidade Popular marcará a programación do sábado 18 pola tarde como xa é tradición traendo ao Campo do Rollo a partir das 16,30h aos grupos de pandereteiras da súa escola, Paparrucheiras, Xaviñanas e Rinchonas, ademais de actividades de debuxo e letura para as familias organizadas xunto A Mesa.

Comentarios