Venres. 29.03.2024
El tiempo

Os alumnos do Obradoiro de Emprego A Laracha V están a traballar na mellora do solario da piscina municipal

Imaxe da visita institucional ás instalacións da piscina municipal.
Imaxe da visita institucional ás instalacións da piscina municipal.
Os alumnos do Obradoiro de Emprego A Laracha V están a traballar na mellora do solario da piscina municipal

A especialidade de carpintería de madeira do Obradoiro de Emprego A Laracha V está a desenvolver unha ampla actuación no solario exterior da piscina municipal.

Os alumnos traballadores dese módulo do obradoiro, baixo a supervisión do profesorado e equipo directivo, están renovando a tarima, realizando unha completa limpeza do espazo con hidrolimpadora e rematarán a actuación coa aplicación de lasur, un recubrimento para darlle cor e protexer a madeira.

Ademais, tamén realizarán unha intervención de mantemento na bancada do interior das instalacións consistente na reposición das pezas que están deterioradas, completando os traballos cun tratamento de acabado empregando material non contaminante debido á proximidade dese espazo co propio vaso da piscina.

O alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Emprego, Rocío López, acudiron ata o complexo deportivo da piscina municipal da Laracha para interesarse pola evolución destas actuacións.

Cabe lembrar que no Concello da Laracha están a desenvolverse dous programas de emprego e formación nos que participan en total trinta e seis alumnos-traballadores e que son impulsados polo propio Concello e a Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia. Por unha parte está o Obradoiro de Emprego A Laracha V, que consta de dúas especialidades (carpintería de madeira e pintura industrial) con dez alumnos-traballadores en cada unha delas e, por outra banda, está o obradoiro A Laracha polo emprego xuvenil, cun total de dezaséis alumnos-traballadores (oito na especialidade de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais e outros oito, na de traballos de carpintería e moble).

Comentarios