Avanza a nova excavación arqueolóxica no Castro de Montes Claros

En marcha xa a sexta campaña de intervención arqueolóxica no Castro de Montes Claros. Unha demostración da aposta municipal do Concello da Laracha pola investigación, conservación e posta en valor deste destacado enclave patrimonial.

A intervención en Montes Claros forma parte dun plan de xestión integral, que destaca ademais por unha iniciativa pioneira en Galicia baseada no control ecolóxico da vexetación mediante cinco équidos que habitan o castro, contribuíndo así á protección sostible do espazo, o que foi posible grazas á colaboración coa Asociación Pura Raza Cabalo Galego.

O Castro de Montes Claros, cunha superficie de 4,5 hectáreas e de titularidade municipal, constitúe un amplo recinto fortificado da Idade do Ferro que presenta unha ocupación moi prolongada no tempo, desde o século IV antes de Cristo
ata os primeiros momentos da alta Idade Media. Esta continuidade histórica converte o xacemento nun referente para comprender a evolución do poboamento na bisbarra de Bergantiños e na Costa da Morte.

Desde as primeiras escavacións arqueolóxicas realizadas no ano 2021, e que permitiron avanzar de maneira significativa no coñecemento do sitio, os traballos desenvolvidos fixeron posible a aparición de elementos de grande interese, como un camiño empedrado de acceso á croa, dous torreóns e parte dun foxo escavado na rocha, que evidencian a complexidade do sistema defensivo do castro.

Nesta nova campaña, os esforzos céntranse na localización dunha das portas monumentais, así como na análise das fases de ocupación galaico-romana e tardoantiga. Neste contexto, xa se teñen identificado dúas inhumacións paleocristiás, o que supón un achado de especial relevancia para o estudo das prácticas funerarias do período.

Visitas abertas

Co obxectivo de que a veciñanza coñeza tanto o Castro de Montes Clarosvcomo a escavación en marcha e os resultados das realizadas anteriormente, o Concello abre o xacemento á cidadanía cun programa de visitas guiadas da man de Puri Soto, arqueóloga e directora do proxecto de posta en valor do xacemento.

Os xoves 30 de abril e 7 e 14 de maio as persoas interesadas poderán achegarse ás 12:00 horas ata o castro para facer unha visita á escavación durante o desenvolvemento dos traballos arqueolóxicos.

Os sábados 16 e 30 de maio, desde as 11:00 horas, faranse visitas guiadas por todo o castro. Nestes casos, e dado que as prazas son limitadas, requírese inscrición previa, que é gratuíta e abre este mércores, chamando ao 676963062 ou enviando un correo electrónico cos datos persoais a turismo@alaracha.gal.

 

Máis novas