Cinco équidos de Pura Raza Galega custodian xa o Castro de Montes Claros
Singular iniciativa do Concello da Laracha, que dende onte vén de darlle vida ao Castro de Montes Claros con 5 animais. Un cabalo de pura raza galega, dous ponis da raza mini shetland e dúas mulas nacidas dun poni albino son xa os habitantes do xacemento e serán os protagonistas do novidoso sistema de control ecolóxico e sustentable con animais da pradería.
A iniciativa é froito da colaboración entre o Concello da Laracha, a Asociación Pura Raza Cabalo Galego e Poni Club Galicia, formalizada hoxe no convenio rubricado polo alcalde, José Manuel López Varela, e o representante legal desa última entidade, o televisivo Xacobo Pérez Paz.
Os équidos vivirán nunha estrutura creada recentement polo Concello a través do obradoiro de emprego, utilizando como material a madeira para unha máis axeitada integración no entorno. Os animais poderanse mover libremente polas parcelas do xacemento que estarán delimitadas mediante a colocación dun pastor que os orientará cara os espazos nos que terán maior facilidade para atopar alimento.
En virtude do acordo, Poni Club Galicia, que previamente realizara a selección dos cinco animais, os cede -conservando a propiedade dos mesmos- e o Concello comprométese a garantir en todo momento o coidado e alimentación, ademais dos tratamentos sanitarios precisos e a custodia do seu benestar.
O Castro de Montes Claros convértese, así, nun dos primeiros xacementos galegos que empregará este sistema natural para a súa limpeza, conservación e mantemento. Con esta novidosa iniciativa o Concello pretende continuar poñendo en valor o sitio mediante a súa mellor conservación diaria cun sistema que evita o emprego de medios mecánicos sobre o xacemento, favorece a recuperación da paisaxe tradicional e, ademais, supón un aliciente para atraer visitantes.
Mentres, o Concello continúa escavando o xacemento, e pronto dará novidades.
Visita da Xunta
Precisamente esta mañá, a delegada da Xunta, Belén do Campo, visitou, acompañada polo e polo alcalde da Laracha, José Manuel
Varela e polo director territorial da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, Severino Álvarez o castro. A Xunta aportou unha pequenha achega de 10.300€ para dar continuidade aos traballos realizados desde o ano 2017 polo Concello.
Os labores consistiron en determinar a finalidade das construcións localizadas ao pé da entrada leste do poboado, na primeira terraza fóra da croa ou barrio extramuros, a intervención con metodoloxía arqueolóxica, realizase a diagnose do estado de conservación, a musealización e a consolidación dos restos arqueolóxicos descubertos.
Máis novas do Castro