Arqueólogos do CSIC presentan este venres á veciñanza os descubrimentos no Castro de Montes Claros

Este venres, día 26 de setembro, ás 19:30 horas o Centro Sociocultural de Vilaño converterase nun punto de encontro coa historia. O equipo de arqueólogos do Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT), centro pertencente ao Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), compartirá coa veciñanza os resultados das investigacións que realizaron nos últimos meses no Castro de Montes Claros.
A presentación será aberta a todo o público, e tamén contará coa participación de Puri Soto, arqueóloga e directora do proxecto municipal de posta en valor do castro, quen ofrecerá unha visión de como estes novos avances científicos se integran no plan de recuperación do sitio.
O equipo do CSIC levou a cabo diferentes traballos innovadores no marco do proxecto Hinterland: desde prospeccións xeofísicas que permiten “radiografar” o subsolo sen escavar, ata voos con drons equipados con sensores LIDAR e multiespectrais, capaces de debuxar unha topografía en 3D de gran precisión e mesmo detectar posibles restos soterrados baixo a vexetación. Grazas a estas técnicas é posible localizar estruturas e mellorar a planificación das futuras escavacións.
O Concello apoia estas iniciativas, que complementan o continuo esforzo municipal pola recuperación e posta en valor do castro que inclúen actuacións de limpeza, escavacións arqueolóxicas, accións de difusión e actividades divulgativas que buscan achegar este patrimonio a toda a cidadanía.
Co acto do día 26 de setembro búscase compartir coa veciñanza a emoción dos descubrimentos, destacando non só a riqueza arqueolóxica de Montes Claros, senón tamén a importancia de coidar o patrimonio para que siga sendo un símbolo de identidade e un recurso cultural no concello.