xoves. 21.08.2025
El tiempo

O Castro de Montes Claros convírtese tamén en escenario dunha obra de teatro infantil

Teatro latexos no Castro Montes Claros
O Castro de Montes Claros convírtese tamén en escenario dunha obra de teatro infantil

Fermoso xeito de promocionar o patrimonio rescatado. O Concello da Laracha propón para o próximo martes 26 de agosto,
a partir das 12:00 horas, unha novidosa iniciativa para animar á cidadanía a gozar dun espectáculo infantil e familiar e, ao mesmo tempo, descubrir o patrimonio arqueolóxico municipal nun dos seus elementos máis importantes como é o Castro de Montes Claros. Será coa representación da obra de teatro Latexos no propio xacemento a cargo do grupo K’Paparota Teatro.
Latexos é unha peza de monicreques e obxectos dirixida a todo tipo de público, especialmente ao infantil e familiar. A través do humor, a emoción e a maxia da escena, a obra dá vida ás lendas que rodean o castro, recollidas grazas ás conversas cos veciños e ao labor de investigación da arqueóloga Puri Soto - directora do proxecto de posta en valor do xacemento-, do escritor e divulgador Xabier Maceiras e da creadora da proposta, Patricia Cameán.

A función pretende achegar as historias e tradicións ás novas xeracións, evitando que se perdan no esquecemento, ao tempo que convida a coñecer o patrimonio arqueolóxico municipal e a tomar conciencia da importancia da súa
conservación e difusión. Polo escenario desfilarán mouras, xigantes e xentís, ademais de actividades interactivas para permitir a participación directa do público.

A asistencia é gratuíta e non require inscrición previa, polo que todas as persoas interesadas poden achegarse e vivir esta experiencia teatral nun marco incomparable.

Comentarios