Caión acolle a vindeira semana un interesante Foro de Emprego

Laracha prepárase para o Foro de Emprego que se vai celebrar no Centro Sociocomunitario de Caión na mañá do venres da próxima semana, día 6 de xuño.
O evento está pensado para axudar tanto ás empresas a atopar talento local como aos particulares asistentes a mellorar a súa empregabilidade, ampliar coñecementos e establecer contactos que poden ser chave para a súa inserción no mercado laboral. A xornada contará coa presenza de representantes de firmas relevantes que operan no termo municipal da Laracha como Vegalsa-Eroski, Coleo Recycling ou Unifersa, así como con expertos en innovación, emprendemento e tecnoloxía.
Un dos contidos destacados do foro será a presentación do novo portal municipal de emprego, ferramenta coa que o Concello pretende favorecer a conexión entre a oferta e a demanda no mercado laboral facilitando o fluxo de información entre as persoas que buscan emprego e as empresas xeradoras de postos de traballo que procuran perfís profesionais concretos.
A programación inclúe mesa coloquio, charlas inspiradoras e unha sesión sobre a intelixencia artificial aplicada á busca de emprego que permitirá ás persoas asistentes coñecer novas ferramentas e estratexias para destacar nos procesos de selección.
PROGRAMA DO FORO DE EMPREGO DA LARACHA – 6 DE XUÑO DE 2025
- 10:15 – 10:45 h: Inauguración e presentación a cargo do alcalde da Laracha, José Manuel López Varela.
- 10:45 – 11:20 h: Presentación do novo portal de emprego municipal con Mónica Iglesias, orientadora laboral do Concello, e José Collazo, director de A Meiga Marketing Web S.L.
- 11:30 – 12:10 h: Coloquio: A xestión da selección de persoal nas empresas.
Participan: Fany López-Amado (técnico de talento de Vegalsa-Eroski), Cristina Villaverde (integradora social de Coleo Recycling) e Abraham Vieito (xerente de Unifersa). Modera Ana Carmen Jiménez, axente de emprego local e responsables dos programas de emprego do Concello. - 12:15 – 12:50 h: Coffee break.
- 13:00 – 13:30 h: IA para a busca de emprego: o teu novo aliado invisible.
A cargo de Ana Adán, facilitadora, docente e mentora especializada en persoas, empresas e emprendemento. - 13:30 – 14:00 h: Por que nos animan tanto a emprender se a maioría queremos ser empregados? Con Dani Diéguez, experto en innovación centrada nas persoas (Human-centered innovation).
- 14:00 h: Peche do foro.
A participación está aberta ao público xeral, sendo necesario inscribirse previamente de xeito gratuíto enviando un correo electrónico cos datos persoais (nome, apelidos, número de teléfono e dirección de e-mail a emprego@alaracha.es.