A Carreira Solidaria do CEIP de Caión, moito máis que unha xornada de sensibilización
Hai accións escolares que van máis alá da aprendizaxe do día a día. Datas que quedan nas cabezas as criaturas e lles serven para ser mellores persoas, algo que ás veces queda esquecido no fondo dos libros.
Así acontece trala Carreira Solidaria artellada polo CEIP de Caión celebrada o pasado venres. Unha cita para recadar alimentos paraa entidade Balrial, e para concienciar e sensibilizar polo Día da Muller. Todo enmarcado nun completo proxecto promovido dende a Biblioteca escolar, no que participa todo o alumnado.
Na colleita de alimentos xa levan dende o mes de xaneiro, e foron un total de 166kg os recollidos que foron parar xa ao Banco de Alimento Rías Altas.
Para darlle a sonada visibilidade, os e as 65 pequeatletas vestíronse de morado e xunto co seu profesorado gozaron dunha xornada enriquecedora e diferente que de seguro será lembrada polo alumnado e familias asistentes coma público.
As rúas, gracias á colaboración do Concello, viron pasar ás criaturas correndo por gañar un chisco máis de solidariedade e conciencia de xénero.
A sesión cumple un terceiro obxectivo: promover entre o alumnado un estilo de vida máis activa, co exercicio físico, e saudable, coa froita que se lle repartiu ao finalizar a mesma.