xoves. 18.12.2025
El tiempo

Completada a mellora da rede de abastecemento na Laracha

Abastecemento Laracha
Completada a mellora da rede de abastecemento na Laracha

A Xunta de Galicia acaba de completar as obras de mellora da rede de abastecemento da Laracha, unha actuación cun investimento de 1,85 millóns de euros e grazas á cal se reforza e garante o subministro de auga no municipio de aquí ao ano 2044.

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, visitou esta mañá a Estación de tratamento de auga potable (ETAP) de Gabenlle, para dar conta dos traballos acometidos na rede municipal de abastecemento ao abeiro do convenio de colaboración subscrito entre Augas de Galicia e o Concello da Laracha.

Grazas á intervención acometida, a responsable autonómica explicou que se garante un subministro fiable a medio e longo prazo. Así, os traballos acometidos resolven os problemas de presión existentes nalgunhas zonas do municipio e incrementan a capacidade de almacenamento de auga no sistema para ofrecer unha resposta acorde co aumento da demanda no verán e coas necesidades derivadas do futuro desenvolvemento do parque empresarial larachés.

En concreto, entre as actuacións executadas para reforzar e mellorar a rede de abastecemento municipal cómpre destacar a instalación dun novo bombeo de alta na potabilizadora en substitución do existente e a construción dun depósito de auga cunha capacidade de 2.300 m3 e dous vasos independentes. Ademais, tamén se acometeu a instalación dunha rede de condución por impulsión entre a ETAP e o novo depósito e dunha condución por gravidade entre este novo depósito e o existente.

Ao respecto, a conselleira lembrou que o custo dos traballos acometidos na Laracha foi asumido nun 80% polo organismo hidráulico e nun 20% polo propio Concello, cun investimento total de 1,85 millóns de euros e cofinanciamento europeo a través de fondos do programa Feder Galicia.

Axudas para mellorar o punto limpo

Por outra banda, Ángeles Vázquez aproveitou tamén a súa visita para achegarse ata o punto limpo do Formigueiro, unha instalación que leva en funcionamento desde o ano 2023 e contou xa no seu día con financiamento autonómico.

Debido ao tempo transcorrido desde a súa construción e ante a necesidade de acometer algunhas melloras, o Concello solicitou acollerse ás axudas convocadas pola Xunta en 2022 para intervir sobre puntos limpos fixos xa existentes.

Concretamente, A Laracha recibiu unha achega de 129.984,37 euros (o 53% do investimento total da actuación) para incorporar ás instalacións unha parcela limítrofe e crear novas áreas específicas destinadas ao almacenamento de distintos tipos de residuos (vidro, plásticos agrícolas, restos de poda, madeira e cartón).

Esta reforma permitiu mellorar as condicións ambientais e de seguridade do punto limpo existente e incrementar de forma significativa a capacidade de almacenamento, que pasa, así, de 277 m3 a uns 1.000 m3, case cuadriplicando o espazo dispoñible, unha actuación que a conselleira considerou unha boa mostra do compromiso do Concello da Laracha coa xestión sostible dos seus residuos.

Comentarios