martes. 21.07.2026
El tiempo

A X Solidaria permite a Adisbismur mellorar o equipamento do Centro de Recursos de Valadares

Nova estampadora de camisetas para ADisbismur coa X Solidaria
Nova estampadora de camisetas para ADisbismur coa X Solidaria
A X Solidaria permite a Adisbismur mellorar o equipamento do Centro de Recursos de Valadares

A Asociación de Persoas con Discapacidade da Bisbarra de Muros (ADISBISMUR) continúa avanzando na mellora dos servizos que presta ás persoas con discapacidade coa incorporación de novo equipamento para os talleres e aulas do seu Centro de Recursos de Valadares, no concello de Outes.
Esta actuación foi posible grazas ás subvencións da Xunta de Galicia destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social, financiadas con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do IRPF (X Solidaria) e xestionadas pola Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI). 

No marco desta convocatoria, ADISBISMUR resultou beneficiaria da Liña IV, destinada a proxectos de investimento e adecuación de centros e unidades de atención dirixidos a persoas maiores ou con discapacidade, unha liña de axudas que permite ás entidades sociais continuar mellorando os seus recursos e ofrecer unha atención cada vez máis especializada e adaptada ás necesidades das persoas usuarias. 

O proxecto permitiu renovar e ampliar o equipamento de diferentes servizos do Centro de Recursos. A área de Fisioterapia incorpora novo material técnico para reforzar a intervención terapéutica, mentres que a aula de Informática suma novos recursos tecnolóxicos destinados a favorecer a comunicación, a expresión oral e a adquisición de competencias dixitais.

Ao mesmo tempo, a aula de Pedagoxía dispón agora de novo material específico para o desenvolvemento de actividades de estimulación cognitiva, memoria e aprendizaxe adaptadas ás capacidades de cada persoa.

O investimento tamén supuxo un importante impulso aos talleres ocupacionais. O taller de Viveirismo conta con nova maquinaria e ferramenta especializada para mellorar os traballos de cultivo e continuar diversificando a produción hortícola e de plantas aromáticas. Pola súa banda, o taller de Cestería incorporou maquinaria profesional que permitirá ampliar as posibilidades de creación, atender novos encargos e facilitar o traballo diario das persoas participantes. 

Cascos novos para ADisbismur coa X Solidaria
Cascos novos para ADisbismur coa X Solidaria

Segundo destaca ADISBISMUR, esta mellora repercute directamente na calidade dos servizos que se prestan no Centro de Recursos de Valadares, favorecendo unha atención máis personalizada, a promoción da autonomía persoal, a inclusión social e a participación activa das persoas con discapacidade nos diferentes programas e talleres da entidade.

Na actualidade, o Centro de Recursos atende a 52 persoas con discapacidade procedentes dos concellos de Muros, Outes, Carnota, Noia, Negreira, Mazaricos, Santa Comba e Lousame, contando cun equipo multidisciplinar integrado por profesionais da fisioterapia, terapia ocupacional, psicoloxía, logopedia, pedagoxía, educación social, monitorado especializado e persoal de atención directa. 
Desde ADISBISMUR queren agradecer á Xunta de Galicia, a COGAMI e ás miles de persoas contribuíntes que cada ano marcan o recadro da X Solidaria na súa declaración da renda. Un pequeno xesto que permite transformar unha parte dos impostos en proxectos reais que melloran a calidade de vida das persoas con discapacidade, fortalecen os recursos das entidades sociais e contribúen á construción dunha sociedade máis inclusiva. 

Novo equipamento para ADisbismur coa X Solidaria
Novo equipamento para ADisbismur coa X Solidaria

Comentarios