O completo programa de actividades municipais da Laracha para o curso 24/25
35 propostas, 15 para a rapazada e 20 para as persoas adultas, forman o programa municipal 2024-2025 de actividades culturais e deportivas do Concello da Laracha.
Un programa que promove os estilos de vida saudables, potencian as inquedanzas artísticas e reforzan habilidades útiles para a vida cotiá. Ademais, tamén será unha axuda para favorecer a conciliación da vida persoal e laboral daquelas familias con nenos ao seu cargo.
As novidades serán os cursos de cerámica que se ofertan ao público infantil e ao adulto e tamén unha nova disciplina que se incorpora para o alumnado de educación primaria como é a ximnasia rítmica.
Os nenos e adolescentes tamén poderán participar en cursos de fotografía dixital, fútbol sala, informática, manualidades e debuxo, pádel, patinaxe, pequecociña, robótica e gaming, teatro, tiro con arco, voleibol, xadrez e zumbea kids.
O público adulto terá tamén á súa disposición actividades de aeróbic, arte floral, bailes latinos, cociña, encaixe de palillos, fotografía dixital, informática, ioga, manualidades e pintura ao óleo, labores de tecido, memoria e alfabetización, macramé, pádel, pilates, restauración e tapizaría, teatro, tiro con arco, zumbea e ximnasia de mantemento, ofertándose esta última nas trece parroquias para favorecer a participación das persoas maiores residentes no rural.
Inscrición
O Concello mantén conxeladas un ano máis as cotas de inscricións. A xeral é de 20 euros por toda a duración da actividade, reducíndose á metade (10 euros) para menores de 18 e maiores de 65 anos.
Para facilitar o proceso de inscrición están establecidos dous prazos diferentes. O primeiro é o das actividades infantís e xuvenís, que abre o luns da próxima semana (23 de setembro) ás 9:00 h. A partir do luns 30 de setembro, tamén ás 9:00 h, comezarán as inscricións para o público adulto. En ambos casos poderase facer en liña na web www.alaracha.gal/actividades/ ou ben presencialmente no Concello, requiríndose neste caso o pagamento mediante tarxeta ou transferencia bancaria (non poderá facerse en efectivo).