O Concello da Laracha inicia a redacción dun Plan de Mobilidade Sostible participativo
O Concello da Laracha vén de iniciar a redacción do Plan de Mobilidade Sostible Municipal, un documento que servirá como ferramenta de planificación estratéxica do territorio a través do fomento dunha mobilidade sostible que procure unha accesibilidade universal e implique transformar múltiples hábitos da mobilidade. A iniciativa enmárcase no desenvolvemento do Plan Local de Infancia e Adolescencia, e trata de vertebrar o fomento de camiñar, bicicleta ou transporte público, estreitamente vinculados coa mellora do espazo público e ao impulso da inclusión social.
Como inicio do proceso de toma de datos, o equipo redactor xa comezou a avaliar a calidade do espazo público e a localizar aqueles puntos sobre os que resultaría de especial interese actuar.
Ao tratarse dun procedemento participativo, na web www.alaracha.gal e nas redes sociais municipais xa está dispoñible unha consulta dixital en liña (plandemobilidade.com/laracha a través da que calquera persoa residente no termo municipal da Laracha terá a opción de participar de xeito que o Concello poida coñecer tanto as demandas e propostas como os hábitos de mobilidade da súa veciñanza en relación ao Plan de Mobilidade Sostible. O cuestionario, que é de carácter anónimo, pode cubrirse ata o 23 de xuño.
Dita consulta súmase ás mesas de participación cidadá, que se celebrarán en datas aínda por decidir, nas que os diferentes colectivos e a veciñanza interesada poderán participar para facer as súas achegas. De xeito adicional poderán enviarse suxestións ao correo electrónico [email protected]. Tamén se levarán a cabo entrevistas con axentes chave.