Sábado. 27.07.2024
El tiempo

O Concello da Laracha insiste na obriga de manter as parcelas limpas

inspeccion_parcelas Policia Local Carballo
O Concello da Laracha insiste na obriga de manter as parcelas limpas

A Lei do Solo de Galicia establece o deber legal dos propietarios dos terreos situados en zonas urbanas de mantelos ao longo de todo o ano en bo estado de conservación e nas condicións óptimas de seguridade, salubridade e ornato público. 

En cumprimento desa normativa, o Concello da Laracha, un dos poucos realmente preocupados polo asunto, desenvolve cada ano unha campaña informativa con especial incidencia na primavera e no verán por tratarse das épocas de maior crecemento da biomasa.

Na nota informativa que se está a distribuír desde o Concello exponse o texto da normativa e solicítase a colaboración das persoas propietarias de terreos, parcelas e solares nos núcleos urbanos da Laracha, Paiosaco e Caión para mantelos en bo estado de conservación. Así mesmo, lémbrase que en caso de incumprimento a administración municipal poderá proceder á execución subsidiaria dos traballos de limpeza, repercutindo os custes nos titulares dos terreos e sen prexuízo da apertura do correspondente expediente sancionador.

O Concello agradece á veciñanza a súa implicación e sensibilización con estas obrigas, dado que por norma xeral ditos labores se acometen en tempo e sen necesidade de notificación previa.

Comentarios