Un concorrido pleno sobre débeda, teletraballo e biogás na Laracha
Tivo lugar un novo pleno ordinario onte na Casa da Cultura da Laracha. Un pleno ateigado da veciñanza de Soandres, que segue en loita contra a Planta de Biogás, ratificando o grupo de goberno que a plataforma Stop Biogás A Laracha “vai contar co apoio deste goberno”.
Amortización da débeda
aprobouse inicialmente o expediente de suplemento de crédito destinado á amortización anticipada de débeda municipal por importe de 918.904,06 euros, unha operación que permitirá avanzar de maneira moi significativa cara a cancelación total da débeda do Concello tanto con entidades financeiras como con organismos públicos.
A proposta saíu adiante coas abstencións do PSOE e do BNG e financiarase con cargo ao remanente de tesourería para gastos xerais resultante da liquidación do exercicio 2025.
O alcalde, José Manuel López Varela, explicou que os superávits municipais deben destinarse por imperativo legal á redución da débeda das administracións locais. Nese sentido, indicou que o remanente procede dos maiores ingresos rexistrados durante o exercicio económico anterior que os previstos nos orzamentos xerais, das achegas procedentes doutras administracións e tamén do fondos municipais que pasaron dunha anualidade á seguinte.
O acordo permitirá cancelar anticipadamente un crédito concertado no seu día cunha entidade financeira para afrontar gastos considerados urxentes e inaprazables e que agora pode liquidarse debido á capacidade económica actual do Concello, e tamén o préstamo sen xuros concedido pola Xunta a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo no ano 2022 para rehabilitación e conservación do patrimonio municipal.
Teletraballo
Outro dos asuntos abordados na sesión foi a aprobación, neste caso por unanimidade, do Regulamento de teletraballo do persoal municipal, que regula a prestación de servizos nesta modalidade para determinados postos do Concello, compatibilizando a conciliación laboral e familiar coa garantía da correcta prestación dos servizos públicos e da atención á cidadanía.
Ademais, deuse conta á Corporación municipal do envío da alegación presentada polo Concello da Laracha contra a planta de biogás proxectada en Soandres.Por último, o Pleno aprobou unha moción na que se reclama á Xunta de Galicia a gratuidade da autoestrada AG-55 e ao Goberno de España a da AP-9.
No Parlamento, non ás quendas de tarde no Centro de Saúde
En paralelo, no Parlamento Galego, o BNG denunciou que a Xunta segue a negar a quenda de tarde de medicina familiar no centro de saúde do municipio da Laracha. Un servizo que permitiría axilizar a atención médica e reduciría os días de agarda para que a veciñanza obteña cita co médico de cabeceira, ademais de favorecer o servizo a aquelas persoas que non teñen posibilidade de acudir ao centro médico no horario de mañá.
O xerente do Sergas, José Ramón Parada Jorgal, e ante a interpelación do deputado do BNG Oscar Insua, manifestou deixou claro que A Laracha non vai contar cun incremento da carteira de servizos sanitarios.
Oscar Insua reiterou a necesidade de establecer a quenda de tarde no centro de saúde larachés, e incidiu en que “os doentes da Laracha que a día de hoxe queren obter cita co seu médico teñen que agardar ata o 8 ou 9 de xuño; o PP considera que os veciños e veciñas da Laracha son de terceira, cuarta ou quinta categoría”.
