martes. 26.05.2026
El tiempo

Milleiros de firmas presentadas na Xunta contra a macroplanta de biogás proxectada na Laracha

Foto horizontal Alegacion Colectiva Biogas
Imaxe deste luns 25, con varios representantes da Plataforma diante do Rexistro da Xunta de Galicia, para entregar as firmas e alegación colectiva
Milleiros de firmas presentadas na Xunta contra a macroplanta de biogás proxectada na Laracha

Este luns varios representantes da Plataforma Stop Biogás A Laracha, rexistraron unha alegación colectiva que suscribiron unhas 7.000 persoas coa súa sinatura, e que realizaron co asesoramento de abogados, biólogos, arqueólogos e outros profesionais e colectivos especializados, tras analizar milimétricamente o proxecto de macroplanta presentado pola empresa Bioenergía A Coruña SLU.

Este polémico proxecto, que está a punto de rematar a súa fase de alegacións, conta xa co posicionamento en contra do propio Concello da Laracha e do resto de grupos políticos do consistorio, tamén da Deputación da Coruña e dos concellos limítrofes coa Laracha que, xunto coa veciñanza, están preocupados polas consecuencias medioambientais dos vertidos de residuos líquidos ao río Anllóns, en cantidade equivalente a 2.000 camións cisterna cada ano, e o que iso impactaría nos hábitats do río e da propia poboación que capta auga do río para o seu consumo.

Outro dos puntos que máis preocupan é a contaminación do aire coa produción de cheiros perxudiciais para a saúde, tal como relataba o Médico Neumólogo Evaristo Lombardero nunha das moitas charlas informativas organizadas pola Plataforma, na que partindo de datos científicos e casos reais, a veciñanza puido comprobar os posibles danos á saúde deste tipo de de macroproxectos na saúde das persoas.

“A loita acaba de comezar e non imos parar”, afirman dende a Plataforma, que despois do intenso traballo nas alegacións, das moitas charlas e reunións informativas e da histórica manifestación do pasado 9 de maio, xa están organizando novas mobilizacións, actividades de divulgación, reunións institucionais e accións de presión social, legal e política a todos os niveis, confirman.

Ás alegacións presentadas pola Plataforma, sumáronselle numerosas alegacións presentadas tamén por entidades e asociacións locais como Salvemos o Noso, A.C.D. Santa Lucía, A.C. Comisión de Festas de Soandres, A.D.C de Soandres, Asociación de Cazadores de Mantiñán-Soandres.

O PSOE da Laracha tamén presenta alegacións

 

Ines Ramos PSOE A LARACHA 25 de maio 2
Inés Ramos

En paralelo, o PSdeG-PSOE tamén presentou diversas alegacións ao proxecto de planta. A voceira do PSdeG da Laracha, Inés Ramos López, presentou ditas alegacións xunto á deputada autonómica Patricia Iglesias Rey, realizando unha rolda de prensa conxunta na que explicaron que estas se fundamentan nas consecuencias que o proxecto tería na veciñanza e o medio. 

Ramos López enumera "a afectación ao día a día e á saúde dos veciños e veciñas, desprotección do noso patrimonio arqueolóxico, contaminación do río Anllóns, río que dá de beber á case toda a comarca, entre outras cuestións". 

Máis novas do proxecto

 

Comentarios