As familias da Laracha realizarán unha manifestación ata o Concello contra os recortes
As familias da Laracha manteñen a súa loita contra os recortes no IES Agra Leborís. Esta mañá de xoves 17 de outubro toda a comunidade educativa volveu concentrarse, por terceira vez, contra os recortes. Avisaron ademais de que o luns 21 realizarán unha manifestación dende o IES ata a Praza do Concello.
Reunión co BNG
Na tarde do mércores 16 de outubro celebrouse unha reunión entre o BNG da Laracha e unha representanción da ANPA onde se intercambiaron impresións sobre a situación das demandas do IES Agra de Leborís.
Por parte de Fernando Gesto, representante da ANPA, informouse de que foi concedida media praza de Pedagoxía Terapéutica, a cal se tiña perdido o curso pasado. Polo tanto, en realidade non sería unha mellora sustancial, pois xa no pasado se manifestou que esta era insuficiente. As familias piden un posto de PT a tempo completo e tamén un posto de profesorado de cupo máis do que teñen agora, para poder rematar cas clases on-line que se están impartindo no Bacharelato. Estas duas demandas serían as máis urxentes, lamentando seren excluídos do Plan PROA.