Venres. 19.04.2024
El tiempo

Fotodesfeita: Un vertido de lixo en Coiro

 Vertido lixo Coiro-Laracha
Fotodesfeita: Un vertido de lixo en Coiro

O Concello da Laracha detectou e eliminará nas próximas horas un vertido incontrolado de lixo na parroquia de Coiro, no cruce da estrada que comunica os lugares de O Cruceiro e A Fontefría.

O vertido componse de elementos voluminosos como colchóns, sofás, xogos infantís e carriño de bebé, entre outro material. Debido ao emprazamento no que foi depositado, a carón dos colectores de residuos sólidos urbanos, unha das posibilidades que baralla o Concello é que as persoas responsables actuaron deste xeito por descoñecemento do procedemento a seguir para desfacerse deste tipo de residuos de maneira segura e sen provocar posibles danos medio ambientais.

Punto Limpo

É por iso que o Concello pide a colaboración cidadá para evitar este tipo de situacións e lembra que o Punto Limpo é un servizo municipal gratuíto para os usuarios que garante que a eliminación dos residuos se realice dun xeito responsable e que o material que poida ser reciclado reciba un tratamento especial. Está a disposición de todos os veciños do municipio no Formigueiro, moi preto do casco urbano da Laracha, os luns (15 a 20 horas), mércores e venres (16 a 20 horas) e sábados (9 a 14 horas). Ademais, existe un servizo de recollida de voluminosos a domicilio, tamén gratuíto para a veciñanza, que pode solicitarse vía telefónica (981 97 11 00 ou 647 76 32 76) e por correo electrónico ([email protected]).

Comentarios