venres. 18.07.2025
El tiempo

A Laracha aproveita a man de obra do Obradoro de Emprego para mellorar o pavillón do IES Agra Leborís

2025.07.17.- Obradoiro de emprego no pavillón do IES Agra de Leborís
O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, e o tenente alcalde, José Ramón Martínez Barbeito, visitaron esta mañá as instalacións do pavillón do IES Agra de Leborís
A Laracha aproveita a man de obra do Obradoro de Emprego para mellorar o pavillón do IES Agra Leborís

É especialista o Concello da Laracha en aproveitar os Obradoiros de Emprego para mellorar as súas infraestruturas. Temos visto ao seu alumnado/traballador rehabitando as madeiras do paseo de Gabenlle, pintando os edificios municipais... Estas semanas os participantes na especialidade de pintura industrial en construción do obradoiro de emprego “A Laracha IX”, o programa dual de formación e emprego que se leva a cabo grazas á colaboración entre o Concello e a Xunta de Galicia, están no pavillón do IES Agra Leborís pintando a estrutura metálica da cuberta, previa limpeza con medios manuais e eliminación do óxido acumulado co paso do tempo.

Con esta actuación preténdese non só mellorar a estética do polideportivo, senón tamén contribuír á súa conservación. É unha intervención necesaria nunha das instalacións deportivas con maior uso do termo municipal. Precisamente os traballos realízanse durante o verán para non interferir no uso por parte do propio centro de ensino durante o horario lectivo e dos clubs deportivos que levan a cabo a súa actividade no pavillón principalmente de setembro a xuño.
Esta mesma especialidade de pintura industrial en construción xa levara a cabo outras actuacións no peche perimetral do propio IES Agra de Leborís e nos vestiarios do campo de fútbol A Porta Santa de Paiosaco.

O Obradoiro de Emprego “A Laracha IX” tamén conta coa especialidade de traballos de carpintería e moble, que actúa actualmente na mellora do paseo fluvial do Anllóns. En total entre ambos grupos suman 20 alumnos traballadores, que reciben formación teórica e práctica durante todo o programa para adquirir experiencia laboral mentres melloran a súa cualificación profesional.
Este obradoiro conta cun orzamento global que supera os 541.000 euros, cofinanciados entre o Concello e a Xunta de Galicia. Ademais, destinaranse adicionalmente outros 18.000 euros para incentivar a contratación do alumnado por parte de empresas privadas ao remate da súa formación, que será o vindeiro día 1 de setembro.

Comentarios