Venres. 26.04.2024
El tiempo

A Laracha busca financiamento para un proxecto de axuda social para persoas inmigrantes

Imaxe dunhas das obras postas en marcha a través de Agader
A Laracha busca financiamento para un proxecto de axuda social para persoas inmigrantes

Na última sesión da Xunta de Goberno Local, os grupos do concello da Larcacha acordaron solicitar a participación na convocatoria de subvencións da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia para intentar financiar dous proxectos. Un deles sería dar continuidade ao programa “Educa en positivo”, que xa se vén realizando nos últimos anos a través das accións “Un paso adiante”, que ofrece un reforzo educativo fóra do horario lectivo, e “Aprendemos xuntos”, neste caso centrada na orientación e formación.

O outro proxecto complementario que o Concello pretende organizar por primeira vez denomínase “A Laracha acolle” e iría dirixido exclusivamente a persoas inmigrantes. Tamén contaría con dúas accións, sendo unha delas un obradoiro de alfabetización en castelán e galego e, a outra, o programa Exprésate, que persegue crear un espazo de socialización para que os participantes poidan coñecer os valores, funcionamento, patrimonio e cultura larachesa.

Obras

Por outro lado, xa están en marcha as obras de mellora da rede viaria nas parroquias de Montemaior, Soandres, Cabovilaño e Lemaio. Obras por un valor de 74.000€ cofinanciado entre o Concello e a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. Unha das obras xa está finalizada (vía de San Fins de Arriba en dirección á estrada CP-2404 na parroquia de Montemaior).
Outras dúas están a ser executadas actualmente de xeito simultáneo. Localízanse nun camiño de Tuixe de Abaixo (parroquia de Cabovilaño) e na vía que comunica ese mesmo lugar con A Costa (discorre polas parroquias de Cabovilaño e Lemaio). Precisamente á última estrada acudiron o alcalde, José Manuel López Varela, e os concelleiros Jesús Souto e Pablo Cambón, para interesarse polo desenvolvemento dos traballos.
A última intervención, que se executará a continuación, afecta á estrada do núcleo de A Ferreira, en territorio das parroquias de Montemaior e Soandres.

Comentarios