Sábado. 27.07.2024
El tiempo

A Laracha, epicentro estatal do Ciclismo Paraolímpico

2024.05.29.- Presentación ciclismo paralímpico Laracha 2024-JPG
A concelleira de Deportes, Patricia Bello, alcalde, José Manuel López Varela, o presidente da entidade organizadora -en colaboración co Concello e a Federación Galega de Ciclismo- Club Ciclista Riazor, Iván Manoel Montero, e a organizadora executiva, Lucía Pérez, durnte a presentación
A Laracha, epicentro estatal do Ciclismo Paraolímpico

A fin de semana do 8 e 9 de xuño, o ciclismo adaptado de todo o estado terá os seus ollos postos na Laracha. O Concello bergantiñán acollerán dúas probas nas que se decidirán os campións absolutos, individuais e por equipos, da Copa de España de ciclismo paralímpico. O sábado celebrarase o Gran Premio de Vilaño e o domingo o Gran Premio de Caión do domingo, cos que finaliza o circuíto nacional deste ano nas categorías handbike, triciclo, tándem e bicicletas adaptadas.

Esta será a segunda experiencia do Club Ciclista Riazor como organizador dun evento destas características no concello da Laracha trala proba celebrada o pasado verán en Vilaño. Iván Manoel Montero apuntou que “este ano contaremos co dobre de participación que no anterior”, estimando que a cifra de competidores sexa próxima aos 70 en cada un dos Grandes Premios con paraciclistas procedentes de toda España -con especial presenza de Canarias, Valencia, País Vasco e Madrid- e tamén de Portugal. Considera que “é un reto para nós, pero tamén un avance, e queremos repetir en próximas temporadas intentando pechar a Copa de España para atraer máis xente”.

Precisamente Iván Manoel Montero, veciño da Laracha e que compite nas filas de NeuroImpulse-Galicia, é actual líder en categoría handbike MH5 e o claro favorito para proclamarse campión da Copa de España a título individual e tamén con opcións de facer o propio por equipos.

O alcalde expresou o seu agradecemento “con letras maiúsculas” aos organizadores “por pensar en traer aquí estes eventos tan importantes a nivel nacional”, expresándolles a “máxima colaboración por parte do Concello”. Concluíu felicitando ao propio Iván Manoel Montero “polos seus últimos resultados”, desexándolle que “continúe alcanzando as cotas máis altas de éxitos”.

As dúas probas

O Gran Premio de Vilaño do sábado 8 de xuño consistirá nunha proba en ruta cun percorrido de 5 quilómetros de distancia, sendo a saída e a meta na Praza da Areosa. A competición principiará ás 10:00 h e a previsión é finalizar en torno ás 13:00 h.

O Gran Premio de Caión do domingo día 9 será unha contra reloxo individual, tamén de 5 quilómetros, e neste caso con saída e meta no miradoiro xunto á estrada DP-1909. Prevese comezar ás 10:00 h e rematar ás 12:00 h.

Comentarios