Sábado. 04.05.2024
El tiempo

A Laracha ofrece 34 actividades para o inverno

Folleto actividades 2023-24 copia
A Laracha ofrece 34 actividades para o inverno

O Concello da Laracha vén de presentar a ampla oferta cultural, deportiva e de ocio que vai desenvolver durante os próximos meses no programa municipal de actividades culturais e deportivas de inverno 2023-2024. Un programa que trata ofrecer oportunidade de aproveitar o seu tempo de lecer practicando actividades que promoven os estilos de vida saudables, que potencian as inquedanzas artísticas e que poden ser útiles para a súa vida cotiá. Ademais, favorécese a conciliación da vida persoal e laboral naquelas familias con nenos ao seu cargo.

Nesta ocasión a oferta alcanza o total de 34 disciplinas, das cales 15 serán para o público infantil e xuvenil e 19, para o adulto.

A oferta completa de actividades para nenos e mozos inclúe como novidades o baile moderno (TikTok, comercial, etc.), balonmán e fotografía dixital. Ademais, mantéñense as propostas que foron mellor acollidas en anteriores edicións, como son fútbol sala, informática, manualidades e debuxo, pádel, patinaxe, pequecociña (obradoiro de cociña infantil), robótica e gaming, teatro, tiro con arco, voleibol, xadrez e zumbea kids.

O público adulto terá á súa disposición actividades de aeróbic, arte floral, bailes latinos, cociña, encaixe de palillos, informática, ioga, manualidades e pintura ao óleo, labores de tecido, memoria e alfabetización, macramé, pádel, pilates, restauración e tapizaría, teatro, tiro con arco, zumbea e ximnasia de mantemento, ofertándose esta última nas trece parroquias para facilitar que poidan asistir as persoas maiores residentes no rural. Como novidade está o curso de fotografía dixital.

Inscrición

Para facilitar o proceso de inscrición hai dous prazos diferentes. O primeiro é o das actividades infantís e xuvenís e ábrese o mércores (20 de setembro) ás 9:00 h. A partir do 28 de setembro, tamén ás 9:00 h, comezarán as inscricións para o público adulto. En ambos casos poderase facer en liña na web www.alaracha.gal/actividades ou ben presencialmente no Concello, requiríndose o pagamento mediante tarxeta ou transferencia bancaria (non poderá facerse en efectivo).

A cota de inscrición xeral é de 20 euros por toda a duración da actividade, reducíndose á metade (10 euros) no caso de que a persoa inscrita sexa menor de 18 ou maior de 65 anos. As familias numerosas e aquelas familias nas que todos os membros se atopen en situación de desemprego desfrutarán dun 50 % (non acumulable) de redución na cota.

Debido á alta demanda rexistrada nas actividades durante o curso pasado e a formación de listas de agarda para poder participar nelas, os monitores realizarán un control estrito das faltas de asistencia, sendo o máximo permitido de 4 inxustificadas para as actividades dunha clase semanal e de 8 para aquelas de dúas clases semanais.

Comentarios