Venres. 26.04.2024
El tiempo

A Laracha prepara un programa de 31 actividades para este curso

  • O Centro Comunitario de Caión acolle a exposición pictorica “Encontro a trés”, cos cadros de Isabell Soutullo, Josecho González e Maribel Castiñeira ‘XMÑ’.
A Laracha prepara un programa de 31 actividades para este curso

Presentou onte o Concello da Laracha a súa programación de activicades culturais e deportivas para este curso 22/23. Acompañados polos técnico de deportes, a animadora cultural e os monitores que impartirán as diferentes disciplinas, o alcalde e a Concelleira de Cultura e Deportes Patricia Bello debullaron as 31 actividades que se desenvolverán das cales quince son para o público infantil e outras dezaseis, para persoas adultas.

A oferta completa de actividades para nenos e mozos inclúe, ademais das novidades de danza urbana, skate e ioga, fútbol sala, informática, manualidades e debuxo, pádel, patinaxe, obradoiro de cociña infantil, robótica e gaming, teatro, tiro con arco, voleibol, xadrez e zumbea kids.

O público adulto poderá participar en aeróbic, arte floral, bailes latinos, cociña, danza urbana, encaixe de palillos, informática, ioga, manualidades e pintura ao óleo, labores de tecido, memoria e alfabetización, macramé, pádel, pilates, restauración e tapizaría, teatro, zumbea e ximnasia de mantemento.

A cota xeral de inscrición será idéntica á de anteriores edicións: 20 euros por toda a duración dos cursos, con diversos descontos.

O prazo de inscrición abrirase o luns 3 de outubro. O Concello habilitará unha web propia na que os usuarios poderán anotarse en liña.

Podes descargar aquí o programa completo.

Exposición

Paralelamente, o centro sociocomunitario de Caión volverá acoller unha mostra artística. Nesta ocasión trátase da exposición pictórica titulada Encontro a tres, composta por cadros de Isabel Soutullo, Josecho González e Maribel Castileira ‘XMÑ’.
A coristanquesa Isabel Soutullo realizou as súas primeiras exposicións a óleo sobre lenzo cun estilo moi próximo ao impresionismo e nas que reflectía a vida levada en sintonía coa natureza.
A obra do carballés Josecho Gonzalés está baseada na abstracción xeométrica que se caracteriza polo uso de distintas formas organizadas de maneira lóxica, mostrando unas pezas cheas de cor como tema principal para compoñer cada cadro dándolle ritmo e movemento.
Maribel Castiñeira, natural de Leiloio pero afincada na localidade caionesa de Xermaña -motivo polo cal firmas as súas obra como ‘XMÑ’, destaca pola súa pintura intuitiva a través da que transmite os seus estados de ánimo, sufrimentos, paixóns e as circunstancias que a rodean, deixando fluír a creación no momento de pintar.

A exposición Encontro a tres será inaugurada o venres 30 de setembro ás 20:00 horas. Poderase visitar ata o 28 de outubro de luns a venres en horario de 17:00 a 20:00 horas.

Comentarios