A Laracha promove a doazón de sangue no verán
“Verán 2024: Somos Olímpicos”. Ese é o lema da nova campaña de promoción da doazón de sangue para este verán. Unha campaña moi acaecida, pois cada verán faise máis necesaria que nunca a doazón.
A directora de ADOS destacou a relevancia da campaña de verán, xa que se trata dunha época na que “as necesidades dos hospitais se manteñen” e na que “todos os grupos sanguíneos son importantes”, aínda que apuntou que no momento actual “as reservas máis baixas son as de A- e A+”, ademais de “poñer o foco no grupo 0- como o dos doadores universais”.
Segundo os datos achegados por ADOS, A Laracha mantense como o municipio da comarca de Bergantiños coa maior taxa de doazón, alcanzando as 48 por cada 1.000 habitantes no ano 2023. Marisa López apuntou que esta cifra cumpre as recomendacións da OMS (entre 40 e 60 doazóns) e “está moi por riba da media galega”, considerando que “A Laracha é unha peza clave en Bergantiños ao longo de todo o ano e un concello que demostra a súa solidariedade, o que fala moito e ben da implicación da cidadanía”.
CITAS COA UNIDADE MÓBIL
No concello da Laracha durante o verán, as datas e lugares aos que se desprazará a unidade móbil de ADOS para facilitar a doazón entre a poboación son as seguintes:
A Laracha (Praza do Concello).
- Martes 23 e mércores 24 de xullo: 10:00 a 14:00 e 16:00 a 21:00 h.
- Venres 23 de agosto: 10:00 a 14:00 e 16:00 a 21:00 h.
- Sábado 24 de agosto: 10:00 a 15:00 h.
Caión (Praza Eduardo Vila Fano)
- Xoves 22 de agosto: 16:00 a 18:30 h.
Paiosaco (Campo da Feira)
- Xoves 22 de agosto: 19:00 a 21:00 h.