Laracha sofre unha nova invasión de pintadas

Cómpre diferenciar entre as estúpidas pintadas e os artísticos murais ou graffitis. E a Laracha así o comproba, cunha nova invasión das primeiras en instalacións e equipamentos municipais, como marquesiñas, parques infantís e mesmo en edificios residenciais.
O Concello non agocha a súa preocupación sobre o repunte destes “actos vandálicos” en lugares como a biblioteca municipal da Laracha –cuxa superficie é de pedra, o que dificulta a eliminación das pintadas-.
Policía Local solicita a colaboración cidadá co propósito de identificar aos responsables da realización de grafitis, actos que están prohibidos expresamente na ordenanza municipal de promoción das condutas cívicas e protección dos espazos públicos. A infracción desta normativa implica sancións económicas de ata 3.000 euros, ademais de asumir a persoa responsable os gastos da eliminación da pintada.