A Laracha terá unha nova farmacia tralo próximo concurso público
Mantibvo onte o alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, e a concelleira de Sanidade, Rocío López, unha reunión co conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, para avanzar sobre a posible ampliación do servizo de farmacias no municipio. A Xunta recoñece que A Laracha cumpre todos os requisitos para contar cunha nova farmacia e que será incluída no próximo concurso público para a adxudicación de novas oficinas sempre e cando dita circunstancia se manteña nese momento.
A solicitude do rexedor baseouse no establecido na Lei de ordenación farmacéutica de Galicia sobre as zonas semiurbanas (nas que está encadrado o Concello da Laracha), ás que lle corresponde unha farmacia por cada 2.500 habitantes, agás que se supere esa proporción en 1.500 habitantes, suposto no que poderá establecerse unha nova oficina de farmacia sempre que se constante un incremento neto poboacional nos últimos cinco anos. A día de hoxe hai catro farmacias no termo municipal da Laracha para unha poboación que supera os 11.500 habitantes, polo que xa se cumpre dito requisito, motivo polo cal o alcalde transmitiu á Consellería de Sanidade a petición formal que agora foi confirmada polo conselleiro.