A larachesa Rocío López participou no Encontro Internacional de Mulleres Electas ‘As Elixidas’
A concelleira de Sanidade, Servizos Sociais, Igualdade, Emprego e Promoción Económica da Laracha, Rocío López, participou no Encontro Internacional de Mulleres Electas ‘As Elixidas’ que se desenvolveu na cidade da Coruña baixo a organización do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.
Formaron parte deste evento preto de oitenta alcaldesas e concelleiras de Galicia, Illas Baleares, Cabo Verde, Mozambique e Brasil coa fin de poñer en valor o papel das mulleres no poder local e compartir os desafíos que enfrontan.
A intervención da edila larachesa foi no panel titulado Mulleres no poder local: promotoras de políticas de equidade de xénero, compartindo mesa de debate no Palexco con Geraldina Bonifácio, presidenta do Consello Municipal da Vila de Boane (Mozambique), Dora Pires, presidenta da Asamblea Municipal de São Vicente e deputada nacional en Cabo Verde, e Elcione Ramos, alcaldesa de Igarassu (Brasil).
Rocío López fixo un percorrido por todas as iniciativas que se levan a cabo na Laracha dirixidas a integrar a perspectiva de xénero no conxunto das políticas locais e as medidas adoptadas para favorecer a igualdade entre mulleres e homes. Tamén abordou os desafíos que aínda persisten para reducir a fenda de xénero, expoñendo os principais obstáculos que se poden atopar nun municipio como A Laracha, por exemplo, as dificultades para chegar a todos os sectores da poboación, especialmente na contorna rural, o desequilibrio entre mulleres e homes na toma de decisións e na actividade política e as diferencias culturais para abordar a igualdade e a perspectiva de xénero, entre outras.
Este Encontro Internacional de Mulleres Electas ‘As Elixidas’ alíñase así coa meta 5.5 dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), que chama a “asegurar a participación plena e efectiva das mulleres e a igualdade de oportunidades de liderado a todos os niveis decisorios na vida política, económica e pública”. Ademais, o evento coincidiu coa conmemoración do Día Internacional dos Dereitos Humanos, que este ano se celebra baixo o lema ‘Os nosos dereitos, o noso futuro, xa!’, lembrando que todas as persoas deben poder exercer o seu dereito a participar de maneira significativa na vida pública.