Mércores. 24.04.2024
El tiempo

Máis de mil persoas inscritas nas actividades culturais e deportivas do programa municipal da Laracha

Concello da Laracha
Casa do Concello da Laracha.
Máis de mil persoas inscritas nas actividades culturais e deportivas do programa municipal da Laracha

Esta semana comezaron a desenvolverse novas actividades do programa municipal de inverno 2019-2020 que están en marcha desde o pasado mes de outubro. A veciñanza aínda está a tempo de apuntarse nelas, pois aínda quedan prazas dispoñibles en case todas as actividades.

O luns iniciouse o obradoiro de cociña infantil Pequecociña, dirixido a nenos maiores de seis anos de idade e que se desenvolverá ata o mes de abril en sesións semanais de dúas horas de duración cada unha (de 5 a 7 da tarde) no centro sociocultural de Lendo. Trátase da única das propostas nas que non hai prazas dispoñibles ao estar todo o cupo cuberto.

Taméndeu comezo o curso de robótica e programación (os xoves pola tarde en servizos múltiples), así coma o curso de tiro con arco (nenos e adultos) o sábado pasado, que se celebra no pavillón do IES Agra de Leborís.

En canto ás actividades exclusivas para adultos, púxose en marcha o curso de bailes latinos (centro sociocultural de Paiosaco, de 20:00 a 21:30 horas). En febreiro comezarán os cursos de iniciación a internet e de emprego do paquete Office. Para marzo e abril está previsto o inicio das últimas propostas do programa: os cursos de arte floral (en Golmar e Coiro), pádel (nenos e adultos), aquagym, cociña, obradoiro de repostería e surf. En todos eles aínda quedan prazas dispoñibles.

O programa municipal de actividades culturais e deportivas de inverno, que destaca pola súa variedade e por ir dirixido a todos os públicos, está a presentar un ano máis un rotundo éxito participativo, superando xa as mil persoas anotadas entre todas as propostas ofertadas.

A cota de inscrición é de 20 euros para toda a duración de cada actividade, presentando descontos para maiores de 65 anos de idade, menores de 18, familias numerosas e aquelas familias nas que todos os seus membros se atopan en situación de desemprego. Tamén hai reducións no prezo a partir da segunda actividade na que se inscriba unha mesma persoa.

Comentarios